Taller de Marcos abriu as súas portas no ano 2017 na rúa Xeneral Pardiñas, tomando o relevo de Mundo Creativo, un negocio familiar de referencia no mundo da arte e o enmarcado, que desenvolveu a súa actividade no Ensanche desde 1986.

O actual titular, Marcos Blanco, recolle todo o saber dos seus antecesores e achega o seu talento para proxectar e modernizar unha actividade moi especializada, adaptándoa ás novas tendencias e ofrecendo un servizo de enmarcado personalizado e exclusivo.

“A clave”, explica, “está na calidade do traballo e na confianza depositada polos nosos clientes, a quen asesoramos para que, en función do obxecto que enmarquen, dos seus gustos e do lugar no que o van colgar, fagan a  mellor escolla”. Cun enmarcado acertado as obras de arte realzan a súa beleza e protéxense da acción do tempo. Trátase, explica Blanco, dunha combinación entre “o clásico do oficio, tradicional e artesanal, co contemporáneo do concepto e da estética”.

Alternativas non lle faltarán ao cliente que entre en Taller de Marcos. “Enmarcamos á medida a partir dunha oferta ilimitada de acabados e deseños”, explica Blanco, “porque cada un dos produtos se crea e produce a propósito para cada caso”. “As nosas especialidades son as policromías, os dourados e prateados artesanais”, di, “complementados con materiais da máxima calidade, tanto nas madeiras utilizadas como noutros elementos como poden ser o cristal museo ou os cartóns libres de ácido, que contribúen á conservación da obra”.

Un cadro ben enmarcado medra non só no estético, senón no seu propio valor económico. “Podemos dicir que unha porcentaxe alta dos nosos traballos se converte en pezas únicas que poñen en valor o seu contido, sexan pinturas, gravados ou un simple espello”.