Javier Blanco Lado fundou Metro en 2007. A galería de arte, que é unha das últimas incorporacións ao Centro Comercial Aberto do Ensanche, tivo primeiro sede na zona vella de Compostela e hai menos dun ano trasladouse á rúa Xeneral Pardiñas. O cambio, explica Blanco, veu dado “polo propio dinamismo do Ensanche, pola variada oferta comercial e pola calidade da mesma, polo mercado potencial que representan os seus residentes e pola proximidade ao casco histórico”.
“Entre a nosa oferta de pintura, escultura e fotografía, o produto máis demandado é a pintura, en diferentes formatos e soportes”, explica o director de Metro. A galería ten como obxectivo fundamental crear novos coleccionistas e achegar novidades aos iniciados, pero tamén se fixa como obxectivo “promover o valor da arte como agasallo. Cremos que unha peza de arte é o regalo máis exclusivo. Nesta liña tamén levamos a cabo a produción de arte en serie como detalle corporativo dirixido a empresas, eventos ou institucións, contribuíndo a xerar unha imaxe empresarial con valores de mecenado á vez que se proxecta o traballo dos artistas contemporáneos”.
Porque o Ensanche é por vocación a zona moderna de Compostela. Nas súas rúas xúntanse varios dos elementos máis dinámicos da cidade, entre eles o da arte. Desde hai dúas temporadas, a Mostra de Arte en Escaparates de Santiago Centro, Pasearte, recolle este espírito bohemio e innovador, do que fai parte Metro.
Máis alá do traballo propio de mediación entre artistas e mercado, Metro quere ser un elemento que axite as augas artísticas da cidade. “Mantemos unha programación multidisciplinar para crear espazos de diálogo e participación que estimulen o acceso a arte sen prexuízos”, explica o seu responsable. Exposicións, comisariado de mostras, ciclos de música e xornadas de performance están dentro das actividades que promove a galería, chamada a ser un dos activos culturais fundamentais do Ensanche.
Un Ensanche que, segundo Javier Blanco, é indisociable do seu comercio. Nel, destaca, atópase “unha relación máis persoal e próxima co cliente, baseada na confianza, un trato máis exclusivo e adaptado as necesidades de cada un”.