Carmen Díaz leva lustros sendo referente da moda feminina no Ensanche de Compostela. Á fronte de Carmen Díaz Estilista – Kookai Naf Naf Santiago, nunha emblemática esquina entre as rúas Doutor Teixeiro e República do Salvador, ofrece roupa e complementos a través da súa propia marca e de firmas francesas de recoñecido prestixio.

 

Se tiveses que definir a túa proposta, como o farías?

Dirixímonos a unha muller dinámica e actual que busca expresar a súa identidade a través da moda.

Kookai Naf Naf vende estilo, máis que roupa. Con que estilo ou estilos te identificarías?

As nosas marcas abarcan un abano moi amplo de estilos: chic, urbano, elegante, xuvenil… Calquera clienta pode sentirse cómoda en Carmen Díaz Estilistas – Kookaï Naf Naf

Como cambian os gustos da muller? Son determinantes as tendencias en moda, ou aínda se escolle segundo o estilo persoal?

Cada vez máis, a moda é utilizada para reflectir a personalidade e o gusto de cada persoa, máis alá das tendencias de moda.

Que valor engadido ofrece mercar no teu comercio fronte a outras opcións, como a compra online?

A nosa proposta é de asesoramento e atención personalizada, tentando que as nosas clientes gocen co seu momento no noso espazo de moda. Estamos potenciando as nosas canles online: tenda en web, catálogo de WhatsApp, etcétera, e tentamos manter unha relación fluída con las nas redes sociais.

Por que deberiamos escoller o pequeno comercio?

Pola atención, a calidade no servizo e os produtos. As que estamos á fronte dun comercio tradicional vemos as persoas. Para nós non son números nin estatísticas. Impórtanos o que lles pasa ás nosas clientas. Á maioría coñecémolas polo nome e, ao longo destes anos, a nosa maior satisfacción é obter e conservar a súa confianza. Escóllennos porque están satisfeitas co asesoramento e o servizo. Ademais, recoñecen e agradecen que sigamos formándonos para podermos darlles unha boa experiencia de compra.

Os teus escaparates son creativos, e moitas veces con mensaxe. Como os concibes? Ata que punto cres que o escaparate pode influír na decisión de compra?

Gústanos sorprender e comunicar a través do escaparate. Pouco a pouco seguimos avanzando e mellorando na concepción e deseño das propostas. O escaparate NOVO LOOK funciona moi ben, con cambios continuos de propostas. Do mesmo xeito, colaboramos con campañas de comunicación e tentamos darlles o protagonismo que merecen, como OES, TI.