¿Xa tes todo preparado para volver ao cole? ¿Ou aínda tes dúbidas sobre como afrontar o regreso ás aulas?

Fai unha lista de imprescindibles. Cada curso é distinto e cada colexio diferente, pero hai unha serie de cousas comúns e básicas para a volta ao cole. Pensa en equiparte cunha mochila cómoda e con espazo suficiente para todo o que debas transportar (libros, libretas, estoxo e bolígrafos, pero tamén ordenador, se o usas, a merenda ou material deportivo). Anota tamén o material escolar máis habitual. Ademais, nestes tempos deberás ter en conta materiais de hixiene coma máscaras, xel hidroalcólico e, se son necesarios, luvas.

Tecnoloxía. O ensino aposta cada vez máis polos aparellos electrónicos como medio para facer chegar os coñecementos ao alumnado. Pensa ben en que tecnoloxía necesitas para a volta ao cole: un ordenador portátil, unha tableta ou un teléfono móbil poden ser os complementos ideais para todo un longo ano de estudo.

Pensa en positivo. De acordo, as vacacións son o máis e volver á rutina do curso pode ser un pouco rollo pero… e as amizades? E os recreos? E todas esas cousas que vas aprender? Afronta o curso con bo humor e con ganas, e verás como todo se fai moito máis doado.

Recorda o que aprendiches e fixa novas metas. Despois das longas semanas de verán é posible que teñas que adestrar de novo a mente para o estudo. Podes facelo repasando algunhas das cousas que aprendiches no curso anterior; virache ben para afrontar a volta ao cole con ritmo. Tamén podes comezar a mirar os materiais didácticos do próximo curso, para familiarizarte coas novas materias. Podes fixarte metas para a temporada, ambiciosas pero realistas, que che axuden a centrarte cando toque estudar duro. Con boa disposición e ganas todo é máis fácil!

Confía no comercio local. Os mellores materiais para a volta ao cole están ao pé da túa casa. Mercando no comercio local garánteste unha atención personalizada por parte de profesionais que levan anos no sector e que saben facer moi ben o seu traballo. Libros, material escolar, aparellos electrónicos, roupa, uniformes, equipación deportiva… Non hai nada que non poidas atopar ao mellor prezo no comercio da túa cidade. Ademais, en caso de ter calquera problema cunha das túas compras, ningún negocio online che vai dar a garantía e o servizo dos establecementos máis próximos, que traballan a pé de rúa e se preocupan por cada un dos seus clientes.