Non hai estudante en Compostela que non coñeza Copy Nino. José Benigno Castro, Nino, e Arancha López chegaron a Santiago desde A Coruña en 1977 para abrir unha pequena copistería nas galerías da rúa Xeneral Pardiñas, nº2, e dar servizo aos universitarios do Campus Sur e da facultade de Medicina. Tres anos despois ampliaron o negocio co local que hoxe manteñen, no 58 da rúa Rosalía de Castro, onde se sitúa todo un servizo integral de impresión gráfica e deseño, complementado agora cunha potente web con tenda online. A traxectoria de Nino Centro de Impresión Digital está, polo tanto, vinculada ao crecemento do Ensanche de Compostela.
Nino é hoxe unha moderna industria que ofrece un servizo integral de impresión gráfica, abarcando todas as súas fases: deseño gráfico, preimpresión, impresión e postimpresión. O catálogo de actividades comprende a serigrafía, impresión dixital, offset ou de gran formato e a produción de material publicitario e para eventos, así como servizos de dixitalización e editorial, a través do selo Nino Edicións. A empresa é ademais un referente para a comunidade universitaria na edición de teses de doutoramento.
E todo sen abandonar o concepto de negocio de proximidade. A evolución da empresa non fixo que Nino Centro de Impresión Digital perdese o contacto coa rúa, pois segue mantendo en Rosalía de Castro un concorrido punto de atención ao público no centro da cidade. “Sempre nos esforzamos en non abandonar ese aspecto”, contan desde a dirección da empresa, “porque estar a pé de rúa dáche unha visibilidade inicial que non a obtés doutro xeito. O comercio de proximidade xa trae de seu esa experiencia de compra na que tan insistentemente están a traballar na actualidade as grandes cadeas, especialmente da moda; teñen que crear esa experiencia de compra porque carecen dela, a diferencia do comercio de proximidade. O comercio de proximidade non debe desperdiciar esa fortaleza e punto diferencial, senón explotala”.
Agora ben, advirten desde Nino, “o feito de ser próximo no nos debe levar a pensar en pequeno, senón que hai que pensar en grande, analizar cara onde van as tendencias e non quedar atrás”. Neste sentido, a empresa viviu a enorme transformación do sector das artes gráficas nos últimos tempos. “Do lado da oferta”, contan en Nino Centro de Impresión Digital, “a tecnoloxía é totalmente distinta á dos anos setenta e oitenta. Pasouse do analóxico ao 100% dixital. Isto incide moitísimo no tipo de perfil profesional que nestes momentos se require no sector, dunha maior especialización, sobre todo no eido da informática, da programación ou do marketing”. Mentres, na banda dos clientes “non cambiaron tanto as necesidades das empresas como o xeito de satisfacelas e o marco no que compites, global e sen fronteiras físicas. A información está nas mans de todo o mundo, polo que hoxe en día resulta fundamental ser facilitador, accesible, localizable na rede, ter unha boa web de consulta e de e-commerce, e competir día a día en base á innovación, diferenciación e calidade”.
Estar situados no Ensanche de Compostela é para Nino Centro de Impresión Digital “un elemento vertebrador e diferencial da empresa. Para un sector empresarial coma o noso, resulta ser unha das mellores zonas da cidade: ofrece locais comerciais de dimensións considerables e adecuadas, alta conectividade, posibilidades de aparcamento, moito tránsito de público e acceso rodado. Estamos localizados ademais nunha das principais arterias da cidade, Rosalía de Castro, último tramo do Camiño Portugués; nunha das principais entradas e saídas da cidade; a escasos sete minutos da futura Estación Intermodal; e ao lado do casco histórico e da Praza Roxa”.