Ninguén mellor que tres ex xogadores para xestionar a primeira tenda compostelá dedicada exclusivamente ao baloncesto. David Pérez, Pío Furelos e Víctor Fernández son de sobra coñecidos no ambiente deportivo santiagués; desde maio do 2015 son os encargados de proporcionar a deportistas, afeccionados e árbitros de básquet todo o que precisan desde Tiro Libre (rúa Ramón Cabanillas, 11). A fama da súa profesionalidade estendeuse xa por toda Galicia: a este comercio, tenda oficial do Monbus Obradoiro, achéganse cada vez máis persoas do resto da Comunidade.

“Despois de falar entre nós do pouco que había en Galicia no que se refire a tendas dedicadas ao noso deporte decidimos crear unha”, explican. Axudou, din, o frechazo co Ensanche e en especial co lugar no que agora están establecidos: “Levábamos un ano de dúbidas ata que atopamos este local. Entrounos directamente polos ollos e, ademais, tiñamos moi claro que queríamos abrir no Ensanche e a pé de rúa”.

As razóns? Que a zona moderna de Compostela “está moi viva. Temos moitísimos cativos paseando polas rúas todo o ano, e máis agora que o verán non quere marchar de todo. Sempre hai ambiente”.

Tiro Libre conta con máis de 200 modelos distintos de zapatillas de baloncesto, o produto estrela da casa: “Son a entrada de moita xente á tenda. Agora veñen visitarnos xogadores de toda Galicia e tamén afeccionados e nenos doutras cidades”. “Somos un comercio de proximidade”, afirman orgullosos, “e a xente coñece a cada un dos que os atendemos polo nome. Queremos ir máis alá e por iso organizamos actividades coma o torneo 3×3 que fixemos na Praza Roxa ou outro que levamos a cabo na Quintana colaborando coa Federación Galega de Baloncesto e a Federación Española de Baloncesto”.

Tiro Libre é, ademais, a única tenda oficial do máis importante club de básquet de Galicia, o Obradoiro CAB, “un orgullo para este establecemento”. En Ramón Cabanillas, 11 son fieis seguidores da filosofía do seu adestrador, Moncho Fernández: “Non queremos pensar máis alá do seguinte partido”, din rindo. Da temporada obradoirista esperan “que sexa máis tranquila que a pasada, sen lesións, e que tanto Moncho coma Gonzalo Rodríguez e Víctor Pérez poidan traballar con todos os xogadores todo o ano; se iso se consegue, estamos seguros de que será unha campaña moi divertida e con éxitos”.