O Ensanche de Compostela encherase de actividade este sábado día 12 de maio, coincidindo coas Festas da Ascensión. A Praza Roxa acollerá o primeiro dos Mercados Compostela ECO&ART de produtos ecolóxicos e artesanía de autor, nun novo formato que os transforma en citas quincenais. Mentres, medio cento de comercios da zona moderna sairán á rúa con descontos especiais, zonas outlet, actividades e convites para os seus clientes.
Nun novo sábado de compras no Ensanche, os establecementos ofrecerán os mellores prezos e propostas para a cuarta Festa do Comercio. Durante toda a xornada, os clientes poderán gozar de descontos que van do 10 ao 50% en produtos seleccionados e de temporada, ademais de sorteos por compra e regalos directos. O listado completo de accións pode consultarse nas redes sociais e na web de Santiago Centro. Organizada polo Centro Comercial Aberto do Ensanche, a Festa do Comercio conta co apoio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia
En paralelo, a Praza Roxa acollerá o Mercado Compostela ECO&ART, aberto de 11 a 19 horas e organizado por Santiago Centro, a Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia (APEGA) e a asociación Nonéomesmo. Recollendo a experiencia de anos anteriores, a iniciativa convértese neste 2018 nun mercado quincenal, que terá lugar os días 12 e 26 de maio; 9 e 23 de xuño; e 7 e 14 de xullo. Participarán preto dunha vintena de artesáns da comarca de Compostela e de empresas de produto ecolóxico certificado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), colaborador do evento xunto con Concello de Santiago e Grupo Noya, en próximos mercados.
Aparellada á exposición comercial de produto ecolóxico e artesanía de autor, o Mercado Compostela ECO&ART conta cunha programación para público familiar coa que se busca promover un estilo de vida saudable e respectuoso co medio natural. Pola mañá a asociación Só lles falta falar proporá actividades con mascotas, e ás 12 a tenda de Conchi Penedo (rúa Diego de Muros, 7) acollerá un taller de reutilización e reciclaxe da roupa de fogar. Ás 13 horas actuará na Praza Roxa o grupo de ukeleles
Ukestra do Medio. Xa pola tarde, o Mercado Compostela ECO&ART acollerá un obradoiro de manualidades con El taller de MaruSana, o xogo da chave e xogos tradicionais coa Asociación de Xogos Tradicionais de Compostela.
Ademais, seguindo coa programación que vén levando a cabo Santiago Centro durante toda a primavera, o Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche acollerá un taller infantil de xogos de construción no que os pais poderán deixar aos nenos ao coidado de monitores mentres fan as súas compras. O obradoiros estará abertos das 17.30 ás 20.30 horas.