Santiago Centro, Área Comercial, organiza para o próximo día 12 de maio a cuarta edición da Festa do Comercio, unha xornada de portas abertas na que os establecementos do Ensanche sairán á rúa con actividades lúdicas, promocións especiais, ofertas, vendas outlet e outras accións. A intención é dinamizar as compras de primavera dos composteláns e favorecer que o público visitante se achegue ao Ensanche, coincidindo coa semana das Festas da Ascensión e a celebración na Praza Roxa do Mercado ECO&ART.

A Fundación anima a participar a todos os establecementos de comercio e hostalería do Ensanche, sexan ou non socios, enviando as súas propostas ao correo info@santiagocentro.gal antes do venres 20 de abril, data límite de inscrición. Os establecementos participantes poderán sacar ás rúas, dentro dos límites dos seus escaparates/accesos, os elementos de decoración ou mobiliario que decidan, e estarán identificados para facilitar a súa localización por parte dos visitantes. Ademais, levarase a cabo unha campaña de comunicación en medios escritos, radio e redes sociais.

A xornada de portas abertas do Ensanche é unha das accións que Santiago Centro está a poñer en marcha esta primavera para contribuír á dinamización comercial da zona moderna compostelá. Neste sentido, desde primeiros de mes veñen celebrándose obradoiros de arte, dentro da programación da Mostra de Arte Contemporánea en Escaparates Pasearte; e talleres de xogos de construción para nenos, nos que os pais poden deixar aos pequenos realizando actividades creativas mentres fan as súas compras.

Nas próximas xornadas presentaranse máis actividades, caso do Mercado Eco&Art, que este ano se converterá nunha cita periódica quincenal na Praza Roxa, con postos de produtos ecolóxicos certificados e artesanía de autor. O Mercado levará aparellada unha programación de citas lúdicas infantís e familiares.