Santiago Centro e a facultade de ADE da Universidade de Santiago colaboran este curso académico nun proxecto de innovación comercial. A través dun acordo de aprendizaxe en servizo (ApS), alumnos de Márketing do centro levarán a cabo proxectos de investigación sobre os problemas do comercio retallista e propostas de accións innovadoras a desenvolver para superar a situación, coa finalidade de proporcionar aos empresarios ferramentas que lles axuden a superar o grave retroceso que padece o sector.

A colaboración lévase a cabo no marco do Grupo de Comercio Innovador formado este ano por Santiago Centro e desenvólvese grazas á colaboración coa Área de Comercialización e Investigación de Mercados da facultade de ADE. Durante o primeiro cuadrimestre, os alumnos deseñarán e levarán a cabo traballos de investigación elixindo problemas concretos do sector. No segundo cuadrimestre, partirán dos resultados obtidos para propoñer medidas correctoras e iniciativas de promoción comercial aplicables ao comercio retallista. O programa, baixo a denominación “Comercio de Proximidade: investigación comercial e propostas promocionais”, execútase baixo a dirección de José Leandro Benito Torres, profesor titular do Departamento de Organización de Empresas y Comercialización da USC.

Trátase da primeira iniciativa deste estilo que se leva a cabo en Santiago. Con ela procúrase o dobre obxectivo de facilitar que os estudantes contacten directamente coa realidade dun sector clave para o mantemento e desenvolvemento do tecido empresarial compostelán; e de fomentar o xurdimento de propostas anovadoras que axuden ao comercio retallista a se enfrontar aos continuos e duros retos aos que se acha sometido.

O proxecto ponse en marcha o vindeiro mércores día 17 na facultade de ADE, cando o presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández, exporá aos alumnos unha visión xeral da problemática actual do comercio retallista, afectado non só pola compra online senón por outros múltiples factores que inciden negativamente na súa actividade diaria, como a liberalización dos períodos de rebaixas e descontos, o prezo dos locais ou a presión das grandes cadeas e franquías para se instalaren nos centros das cidades.

Identificados os problemas, serán os propios alumnos os que deberán presentar propostas concretas de investigación, que serán avaliadas polo equipo docente antes da súa execución. Santiago Centro incentivará a participación dos alumnos recompensando aos integrantes dos 3 traballos mellor puntuados cada cuadrimestre con vales de compra nos establecementos asociados.

Obradoiros de Dixitalización

O acordo coa USC é unha das liñas de traballo do Grupo de Comercio Innovador, constituído por Santiago Centro a pasada primavera para incentivar a innovación como ferramenta básica de traballo do comercio polo miúdo.

Entre outras actividades, o Grupo está a desenvolver xuntanzas mensuais subvencionadas no programa Obradoiros de Dixitalización Industria 4.0 do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). A través desta iniciativa, negocios integrados en Santiago Centro e EmRede xuntan esforzos para facilitar a súa transformación tecnolóxica, mediante sesións colaborativas nas que se presentan e testas accións concretas e tecnoloxías xa dispoñibles para a mellora das vendas e da experiencia dos clientes. As sesións son dirixidas por especialistas en innovación e dinámica de grupos e totalmente enfocadas ao sector retallista.

Marketing dixital, simbiose tenda física e virtual, sinaléctica, márketing de proximidade, xestión dos datos ou experiencia de cliente son algún dos temas que se están a abordar nos Obradoiros, que inclúen asemade o desprazamento a Santiago de empresas tecnolóxicas punteiras no eido do comercio retallista, para a realización de demostracións prácticas das tecnoloxías incluídas no programa.

No Grupo de Comercio Innovador intégranse negocios dos sectores máis diversos, da moda á decoración pasando polo equipamento deportivo, xoiaría, artes gráficas, comercio de arte, servizos de benestar ou óptica. Santiago Centro constituíu este Grupo como un programa estable aberto e participativo. A inclusión no Grupo é aberta e gratuíta pero as convocatorias de integración son de carácter anual, para facilitar o traballo e a integración.