Santiago Centro, Área Comercial, e a Rede de Iniciativas Empresariais EmRede solicitan aos propietarios de locais comerciais de Compostela que faciliten a negociación no pago dos alugueiros, ante a inédita situación de crise provocada pola pandemia de coronavirus. A flexibilidade na satisfacción destes pagos será clave para que moitos comercios e pequenos negocios poidan sobrevivir mentres dure o peche e volvan abrir unha vez superada a difícil situación económica.
O decreto de estado de alarma asinado polo Goberno central o 14 de marzo provocou o peche de todos os establecementos considerados non esenciais, e, en consecuencia, que a maior parte dos comerciantes e hostaleiros carezan de ingreso ningún co que facer fronte ao pago dos alugueiros. Moitos dos responsables destas pequenas empresas atópanse nestes días negociando o adiamento destes pagos, dado que facer fronte a estes gastos agora significaría teren que pechar definitivamente o establecemento.
Neste sentido, o presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández, solicita dos propietarios de locais en alugueiro “flexibilidade e solidariedade. Seren xenerosos agora pode significar que, cando remate esta crise, poidamos volver abrir a maior parte dos comercios e pequenos negocios afectados polo peche”. Trátase, en definitiva, de “sumarse ao esforzo colectivo que está facendo todo o país, tamén os comerciantes, soportando a situación límite que supón pasar varias semanas sen ningún ingreso”.
Tanto Santiago Centro coma EmRede xa anunciaron que deixan de cobrar a cota mensual aos seus asociados mentres non remate a alerta sanitaria, colaborando así nesta mesma dirección. “Estes xestos poden marcar a diferenza entre que no remate da crise volvamos abrir case todos ou queden moitos pechados no camiño, co que isto significa en destrución de riqueza e de emprego”, remarca.
Eva López, presidenta de EmRede, chama a atención sobre o feito de que “a maior parte dos locais comerciais de Santiago están alugados a iniciativas rexentadas por autónomos ou pequenos empresarios, que por forza levan as súas contas moi ao día. O parón que supón ter pechado un establecemento durante semanas provoca un impacto moi difícil de superar e a negociación do pago destas rendas tería para todos un significado moi profundo”, afirma. “Somos moi conscientes de que os propietarios poden estar pasando por situacións similares na súa propia economía, engade, pero se distribuímos o peso entre todos teremos máis posibilidades de saír desta crise xuntos”.