Oitenta e catro comercios participan en PASEARTE, a primeira Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago, presentada hoxe nunha rolda de prensa á que asistiron o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; a concelleira de Comercio do Concello de Santiago, Marta Lois; José María Fernández, presidente da Fundación Santiago Centro; Javier Blanco Lado, comisario e director da mostra; e máis representantes das galerías de arte colaboradoras, Luisa Pita, Metro, Federica no era Tonta e Trinta, e os patrocinadores, Grupo Ulla, Quatrium Inmobiliaria e máis Taller de Marcos. As obras, pertencentes ás coleccións das catro principais galerías da cidade, estarán expostas cara ao público nos establecementos durante toda a campaña de Nadal. A Fundación Santiago Centro, promotora da iniciativa, busca deste xeito converter as rúas da zona moderna de Santiago nun museo e contribuír deste xeito a poñer en valor o comercio de proximidade.

O comisario da mostra cualificou Pasearte de “acción cultural orixinal e extraordinaria que quere poñer en valor tanto o traballo das galerías como a importancia social do comercio de proximidade”. “Para galeristas e artistas, dixo, a montaxe supuxo “un reto moi enriquecedor, porque houbo que adaptar as obras para encaixalas nos escaparates”. É, para Blanco, unha ocasión “tanto para que os veciños e foráneos coñezan o que se fai no mundo da arte contemporánea como para que os profesionais da arte se acheguen á realidade”.

Anxo Lorenzo destacou o “elenco de artistas importantes e de diferentes xeracións” con que conta a mostra, “unha gran idea para divulgar a arte contemporánea nun momento no que os comercios se visitan moito”. “Pasearte vai ter a virtude de mover o ecosistema artístico e de sacar as galerías do seu territorio, polo que auguro que é unha cita que chega para quedar”. A concelleira Marta Lois afirmou que a mostra é “orixinal, sorprendente e necesaria, unha razón máis para que a xente de fóra se achegue a Santiago este Nadal. Pasearte demostra outra vez a musculatura emprendedora de Santiago Centro e do comercio de proximidade”.

Pola súa banda, José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro, destacou o privilexio que é “contar con corenta artistas como Antonio Murado, Iván Prieto, Vari Caramés, Berta Cáccamo ou Vicente Prego” nos escaparates. “A singularidade de Pasearte”, dixo Fernández, “é que implica ao comercio de proximidade e así fai que a arte saia ao paso dos veciños mentres camiñan, charlan ou fan as súas compras de Nadal. Para isto, o Ensanche é o lugar ideal e estas datas o momento xusto”. “Este é para nós un proxecto de futuro”, destacou, “e aínda que non foi fácil sacalo adiante, estou seguro de que cando se clausure o día 5 de xaneiro haberá moitas máis entidades e comerciantes convencidos de que é una idea singular, nunca feita ata agora en Galicia e seguramente tampouco en España con estas dimensións e calidade artística”.

Pasearte conta co apoio das Concellerías de Cultura e de Comercio do Concello de Santiago; a Secretaría Xeral de Cultura e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta. Grupo Ulla, Quatrium Inmobliaria e Taller de Marcos patrocinan a mostra, que leva a 85 establecementos obras de artistas galegos e nacionais de primeiro nivel, en diferentes disciplinas (pintura, escultura, fotografía, vídeo ou mesmo instalacións feitas ad hoc).  As galerías Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era tonta traballaron, xunto co comisario da mostra, o xestor cultural Javier Blanco Lado, na integración coa decoración dos escaparates. A exposición esténdese pola maior parte das rúas do Ensanche, creando un continuo expositivo que permite aos visitantes gozar das creacións ao tempo que pasean pola zona.

En paralelo á exposición de obras levarase a cabo unha programación transversal con obradoiros, charlas, encontros abertos con artistas que se celebrarán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche e máis nas cafeterías Krystal e Lembranza; visitas guiadas; visitas escolares e accións artísticas en vivo que permitirán ao público compostelán pasear e gozar da arte nos seus escaparates. “Queremos romper coa idea de que o artista é inalcanzable e achegalo ao público”, afirmou Blanco. Para facilitar a visita, Santiago Centro editará uns mapas nos que se poden localizar os comercios e as obras que exhiben.

CAMPAÑA DE NADAL DE SANTIAGO CENTRO

Pasearte coincide no tempo coa campaña de promoción de vendas e fidelización que Santiago Centro puxo en marcha para este Nadal. Nela repartiranse 15.000€ en regalos directos, sen sorteos, a través de boletos de premio directo que se obteñen con cada compra. Este ano son 450 os premios a repartir.