Santiago Centro presentou a súa proposta de Plan Estratéxico, un documento que guiará a actuación da Fundación nos próximos anos e que recolle as debilidades, oportunidades e propostas concretas de actuación no Ensanche en aspectos como o comercio, urbanismo comercial, veciñanza e turismo. O presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández, e o secretario, Delmiro Prieto, xunto con Eva López, presidenta da organización comarcal de comercio Proxecto Em-Rede, mostraron o plan aos medios pola mañá. Pola noite, os comerciantes do Ensanche puideron coñecer os detalles e achegar propostas na asemblea celebrada no Real Aeroclub.
“Non se trata dun estudo teórico senón dun documento de diagnóstico e respostas que guiará as nosas actuacións”, explicou Fernández. O Plan Estratéxico elaborouse baixo a dirección de Santiago Centro, con expertos e técnicos de diferentes campos, así como con comerciantes e hostaleiros e coas achegas de asociacións con presenza na zona como Em-Rede ou a Asociación de Veciños Raigame. O plan, baixo a denominación Nova Estratexia Comercial para o Ensanche, aposta polo Ensanche como fundamental zona de ocio de comercio de Compostela. “Levamos décadas deostando o Ensanche pola súa concepción urbanística, e é certo, pero tamén o é que xa non é o que era hai 20 anos; poucos ensanches se humanizaron coma o Santiago”, apuntou o presidente de Santiago Centro.
A presidenta de Em-Rede, Eva López, afirmou que a súa rede de comercios ve “neste plan estratéxico unha posibilidade de mellora e de crecemento”. “Temos que incidir nos puntos débiles que ten o Ensanche para melloralos, desde o problema do aparcamento, a disposición das rúas que crean unha barreira entre zonas da cidade ou as ameazas que sofre o comercio a día de hoxe, como a venda online”. López apostou pola colaboración entre asociacións, administracións e cidadanía para “xerar grandes sinerxías e conseguir un novo Ensanche”.
O Ensanche como espazo de compras e ocio
Como elementos para transformar a área, a Fundación aposta por unha actuación no solar de Peleteiro que inclúa zonas de uso público e un espazo colectivo útil “para a dinamización cultural e veciñal que a zona precisa. Peleteiro é a nos a última opción”. Tamén haberá que aproveitar a oportunidade que ofrece a futura construción da Estación Intermodal, chamada a ser a porta de entrada de miles de viaxeiros a Compostela. Neste sentido, Santiago Centro defende unha reurbanización da rúa do Hórreo que sirva “no só como conexión do centro coa estación, senón como distribución de fluxos peonís no Ensanche”. Fernández destacou ademais que calquera intervención que se leve a cabo “debe ter en conta as graves carencias de aparcamento. Estamos completamente a favor da redución do tráfico e mesmo da creación de rúas peonís, pero antes hai que solucionar o problema do estacionamento”. A reactivación do proxecto de construción do aparcadoiro no Campus Sur ou a reordenación, ampliación e comunicación dos de Pontepedriña ou Santa Marta son algunhas das solucións achegadas.
Unha zona aberta ao turismo
“Poñemos sobre a mesa o feito de que historicamente o Ensanche viviu de costas ao turismo, e o turismo deunos e segue a darnos as costas”, expuxo José Mª Fernández. Santiago Centro avoga por romper a “barreira psicolóxica, que non física, entre o casco antigo e o Ensanche” con actuacións que van do sinxelo (maior información, programacións atractivas e oferta comercial singular na zona moderna) a outras que requiren a colaboración das institucións. Entre elas, Fernández destacou a creación dun teleférico entre a Intermodal e a Cidade da Cultura “que atraia o turismo e á vez sirva de medio regular de transporte, e integre a Cidade da Cultura co centro”.
Tecnoloxía e innovación comercial
Ante as graves ameazas que afronta o comercio de proximidade na actualidade, Santiago Centro apostará pola innovación e a tecnoloxía como forma de se relacionar co público. Neste sentido, a Fundación xa entrou en contacto co único grupo estable de comercio innovador que hai en España, radicado en Bilbao, e co departamento de marketing da facultade de ADE para a creación dun laboratorio de ideas. Na programación para 2019, que se presenta aos socios na asemblea de hoxe á noite, apuntaranse xa varias actuacións que se levarán a cabo a curto prazo, a creación de rutas apoiadas na tecnoloxía para recuperar a historia do Ensanche ou a posta en marcha de accións con base tecnolóxica e dixital. A medio prazo, Santiago Centro apostará pola wifi gratuita para toda a zona, a creación dunha rede de pantallas conectadas, a utilización dos beacons como eixo da comunicación con veciños e clientes, ou a conexión entre comercio, arte e cultura dixital como elemento diferenciador.
Presentación aos grupos políticos que concorren ás eleccións municipais
Como eixo básico de acción, Santiago Centro terá como referencia as medidas e propostas incluídas no seu Plan nas reunións a celebrar cos distintos grupos políticos locais, e igualmente ante o grupo de goberno municipal saído das eleccións a celebrar en primavera.