Capacidade de innovación, contacto directo cos clientes, calidade e achega á comunidade. Estes son algúns dos valores que quere destacar a campaña de promoción do pequeno comercio promovida conxuntamente polas asociacións Rede de Iniciativas Empresariais de Santiago e Comarca EM-REDE e máis Santiago Centro, Área Comercial. Baixo o lema Non deixes que o peixe grande coma ao pequeno, na iniciativa participaron preto de cen establecementos que, dun xeito colorista e lúdico, pretenden chamar a atención sobre os valores do comercio polo miúdo fronte a outras fórmulas de mercar.
A campaña tradúcese en vinilos de cores expostos nos escaparates de preto dun cento de tendas compostelás e da comarca, complementados con adhesivos con mensaxes que se utilizarán para pechar bolsas de compra ou paquetes. Nos materiais reflíctense frases que constatan a realidade e o dinamismo do sector. “Porque o pequeno comercio lle dá vida á cidade”, “porque fortalece os lazos da comunidade”, “porque ofrece un trato persoal e próximo”, “porque axudas á economía dos teus veciños”, “porque creamos emprego” ou “porque podes mercar mentres paseas coas amizades” son algunhas delas.