O Ensanche de Compostela será o marco no que se celebrará o próximo domingo día 1 de outubro a marcha ciclista popular +BICI, unha iniciativa destinada a animar ao uso da bicicleta como medio de transporte limpo e ecolóxico e a promover a convivencia entre ciclistas e condutores na cidade. O Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela organiza o evento co apoio de Santiago Centro, Área Comercial, e o evento enmárcase na celebración da Festa +55 Anos Vivindo no Ensanche, que impulsan EmRede, Apega, a Asociación de Veciños Raigame e Santiago Centro.
+BICI comezará ás 10.30 na Praza Roxa. Os participantes realizarán unha ruta relaxada percorrendo as rúas Frei Rosendo Salvado, Romero Donallo, Rotonda da Galuresa, Hórreo, República de El Salvador, Xeneral Pardiñas, Senra, Praza de Galicia, Doutor Teixeiro, Ponte Castro, A Rosa, Santiago de Chile, Praza de Vigo, Santiago del Estero, Praza Roxa, Frei Rosendo Salvado, Ramón Cabanillas, Fernando III, Hórreo, Galuresa, Santiago de Chile, Praza de Vigo, Santiago del Estero, Rúa Nova de Abaixo, Montero Ríos, Alfredo Brañas, Ponte Castro, San Pedro de Mezonzo e regreso final á Praza Roxa. Os participantes serán acompañados por integrantes do CC Compostelano durante a marcha, que ten unha duración estimada de 1 hora.
A marcha compleméntase ao seu remate coa montaxe na zona sur da Praza Roxa dunha xincana ciclista, xogos e exibicións de bicicleta BMX.