Varios medios de comunicación composteláns comezaron nos últimos días a emitir cuñas relacionadas coa campaña Non deixes que o peixe grande coma ao pequeno, coa que a Rede de Iniciativas Empresariais de Santiago e Comarca EM-REDE e máis Santiago Centro, Área Comercial queren chamar a atención sobre os valores do comercio polo miúdo fronte a outras fórmulas de mercar. Os anuncios radiofónicos poden escoitarse aquí:
Respaldada por cen comercios de toda a cidade, a campaña tradúcese na rúa en vinilos de cores expostos nos escaparates, complementados con adhesivos con mensaxes que se utilizan para pechar bolsas de compra ou paquetes. Nos materiais reflíctense frases que constatan a realidade e o dinamismo do sector. “Porque o pequeno comercio lle dá vida á cidade”, “porque fortalece os lazos da comunidade”, “porque ofrece un trato persoal e próximo”, “porque axudas á economía dos teus veciños”, “porque creamos emprego” ou “porque podes mercar mentres paseas coas amizades” son algunhas delas.
EM-REDE E Santiago Centro queren promover un clima de confianza entre comerciantes e veciños, favorecendo a interacción e a comunicación para que o sector poida adaptarse mellor ás necesidades dos clientes. Non deixes que o peixe grande coma ao pequeno pon o acento na calidade, a proximidade e o coñecemento da zona que posúen os comerciantes, fronte á frialdade doutras formas de mercar. Ademais, resalta o estímulo económico que implica para a cidade, e o aforro enerxético que supón a compra de proximidade, ao eliminárense transportes, embalaxes e custos innecesarios.