O Centro Comercial Aberto Fundación Santiago Centro, Área Comercial en colaboración coa Asociación Galega de Xerentes de Centros Comerciais Abertos e Zonas Comerciais Urbanas puxo en marcha a campaña “A MORRIÑA NON TEN BRAZOS PERO APERTA O CORAZÓN”, na que un total de 27 centros comerciais abertos da nosa comunidade autónoma, e de forma conxunta, pretenderon premiar a fidelidade dos seus clientes e recordarlles que o comercio local de Santiago e Galicia está sempre ao seu carón, coma en momentos tan difíciles para todos como o que estamos vivindo con motivo do COVID 19.

A participación na campaña foi moi sinxela: os interesados só tiñan que facer un comentario indicando que era o que máis botaban de menos do comercio de proximidade, no post do concurso dentro do facebook da Asociación Galega de Xerencia e compartir dita campaña, entrando no sorteo de 27 vales de compra por valor de 50 euros (1.350 euros en total), que se poderán gastar nos establecementos asociados unha vez finalizado o confinamento.