Medio centro de comercios do Ensanche de Compostela participan este ano na cuarta edición de PASEARTE, a Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates do Ensanche de Santiago, que retorna o venres 1 despois de dous anos adiada pola pandemia. Santiago Centro, Área Comercial volve apostar pola arte e a cultura desta vez en primavera, animando a veciños e visitantes a pasear pola zona nova coñecendo o traballo de artistas e galeristas e a mellor oferta comercial da cidade. A iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Santiago. Talleres para familias, visitas guiadas e intervencións artísticas en vivo complementan a programación dunha cita que se consolida no calendario cultural galego.
Pasearte é unha mostra que busca achegar á cidadanía o traballo de artistas e galeristas, ao tempo que atrae ao público ao Ensanche e dinamiza o tecido cultural da capital galega. O comisario da mostra é Javier Blanco Lado, encargado de integrar as obras de arte nos escaparates, en colaboración con establecementos e galerías. Nesta edición son unhas 50 as obras que se amosan, creadas por outros tantos artistas de primeiro nivel e emerxentes. Entre eles atópanse nomes moi coñecidos como Din Matamoro, Xosé Freixanes, Antonio Murado, Julia Huete ou Pierre Loiuis Geldenhuys.
O Centro Comercial Aberto usa os escaparates e as rúas como espazo expositivo aberto e accesible a todo o mundo, e consegue combinar as forzas de artistas, galeristas e comerciantes. Este ano moitas das obras foron especialmente proxectadas para integrarse nos expositores comerciais, o que engade interese á mostra. Varios artistas realizarán ao vivo as súas obras nos escaparates, dando á mostra un aspecto dinámico e facilitando ao público o acceso ao momento máxico da creación artística.
PROGRAMACIÓN
En paralelo á exposición de obras levarase a cabo unha programación transversal con obradoiros familiares que se celebrarán nas mañás dos sábados 2, 9, 23 e 30 de abril nunha carpa instalada na Praza Roxa. Tamén se realizarán visitas guiadas á exposición, para coñecer da man do comisario e dos artistas o contido e significado das obras.
TODA A INFORMACIÓN EN PASEARTE.SANTIAGOCENTRO.GAL