Rematada a campaña de Nadal, os establecementos do centro comercial aberto de Santiago Centro comezan a temporada de rebaixas con descontos de entre o 25 e o 50%. En ocasións, a mellora nos prezos chega ao 70% nunhas ofertas que xa están dispoñibles en moitos dos comercios asociados.

A temporada de rebaixas prolongarase durante os próximos dous meses con propostas e prezos moi interesantes para o consumidor. Situados na principal zona comercial, residencial e de ocio de Compostela, os comercios do Ensanche ofrecen o abano máis amplo de produtos de moda, calzado, tecnoloxía, xoiaría, deportes, benestar e saúde, papelaría, cultura ou tendencias.