A posible e necesaria convivencia entre ciclistas e automobilistas nas rúas da cidade é por segundo ano consecutivo o eixo sobre o que se convoca +BICI, a marcha popular que percorrerá as rúas do Ensanche compostelán o sábado 15 de setembro. Ciclistas de todas as idades e condicións físicas poden participar no evento, organizado pola Fundación Santiago Centro e o Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela coa colaboración do Concello de Santiago.

+BICI volverá a propor un trazado tranquilo e doado para todo tipo de participantes. Na marcha poden participar nenos, familias e deportistas afeccionados. Constará dun percorrido de menos dunha hora de duración con saída ás 10.30 da Praza Roxa. No deseño da ruta, mellorado con respecto ao do ano pasado, tívose en conta que non existan grandes dificultades nin perigos, para favorecer a participación. Durante toda a súa duración os ciclistas serán acompañados por voluntarios da organización. A participación é libre e gratuíta e non precisa inscrición.

A marcha sairá da Praza Roxa e pasará por Frei Rosendo Salvado, Santiago de Chile, Rúa Nova de Abaixo, Montero Ríos, Doutor Teixeiro, Pza. Ponte Castro, Xeneral Pardiñas, República El Salvador, Alfredo Brañas, República Arxentina, Pza. Ponte Castro, A Rosa,  San Pedro de Mezonzo e de novo a Praza Roxa, para continuar por Frei Rosendo Salvado, Ramón Cabanillas, Fernando III, A Rosa, Santiago de Chile, Praza de Vigo, Santiago del Estero e regreso á Praza Roxa.

Ao remate da marcha +BICI, sobre as 12.00 horas, a praza Roxa acollerá unha xincana de xogos ciclistas dirixida a nenos. Con esta iniciativa, o Club Ciclista Compostelano – Muebles Compostela e Santiago Centro, Área Comercial buscan promover o uso da bici na cidade e reforzar a necesaria convivencia entre ciclistas e automobilistas. Santiago Centro publicará na súa web e redes sociais información con consellos para circular con seguridade e sobre a normativa relacionada coa circulación das bicis.