Capacidade de innovación, contacto directo cos clientes, calidade e achega á comunidade. Estes son algúns dos valores que quere destacar a campaña de promoción do pequeno comercio promovida conxuntamente polas asociacións Rede de Iniciativas Empresariais de Santiago e Comarca EM-REDE e máis Santiago Centro, Área Comercial. Baixo o lema Non deixes que o peixe grande coma ao pequeno, na iniciativa participan preto de cen establecementos que, dun xeito colorista e lúdico, pretenden chamar a atención sobre os valores do comercio polo miúdo fronte a outras fórmulas de mercar.
A campaña tradúcese en vinilos de cores expostos nos escaparates de preto dun cento de tendas compostelás e da comarca, complementados con adhesivos con mensaxes que se utilizarán para pechar bolsas de compra ou paquetes. Nos materiais reflíctense frases que constatan a realidade e o dinamismo do sector. “Porque o pequeno comercio lle dá vida á cidade”, “porque fortalece os lazos da comunidade”, “porque ofrece un trato persoal e próximo”, “porque axudas á economía dos teus veciños”, “porque creamos emprego” ou “porque podes mercar mentres paseas coas amizades” son algunhas delas.
A campaña foi presentada na mañá de hoxe na confluencia das rúas Doutor Teixeiro e República do Salvador por Eva López Fernández, presidenta de EM-REDE; e José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro. Para López, esta iniciativa “é unha forma de visibilizar en positivo os valores do comercio. As máis de vinte frases expostas nun cento de locais de Santiago recórdanlle ao viandante, ao posible cliente, ao veciño, o importantes que son os comercios para a cidade”. “Esta acción demostra que non quedamos quietos ante as ameazas externas, como reflectimos cun toque divertido co lema de que o peixe grande quere comer o pequeno”, explicou. Ao seu xuízo, “a cidadanía ten que darse de conta de que o sector está buscando formas para mellorar. Grazas á proximidade e ás ganas de saír adiante poderemos conseguilo”.
Pola súa parte José Mª Fernández quixo destacar a “capacidade de innovación que demostra o comercio no seu día a día. Pode que impulsados pola propia realidade do sector, que é moi dura e cambia cunha rapidez vertixinosa, os comerciantes somos un gremio con ganas de mirar cara a adiante e de poñelo todo para mellorar a experiencia de compra dos clientes”. Neste sentido, Fernández apostou pola “proximidade e o cara a cara como un dos valores tradicionais e máis importantes do comercio”, pero tamén pola “calidade, a inmediatez e o servizo excelente”.
“Agora que tanto se fala da economía circular” –afirmou Fernández- “é importante sermos conscientes do moito que se perde cando un establecemento pecha as súas portas. Para nós, economía circular é tamén que o beneficio do acto de compra queden na propia cidade e se traduza en máis actividade económica e máis postos de traballo, porque iso significará riqueza para todos. Fronte a outras fórmulas impersoais e sen atención directa, o comercio tradicional ofrece proximidade, responsabilidade, relacións persoais e todo tipo de facilidades”.
Clima de confianza
Con iniciativas coma esta, tanto EM-REDE coma Santiago Centro queren promover un clima de confianza entre comerciantes e veciños, favorecendo a interacción e a comunicación para que o sector poida adaptarse mellor ás necesidades dos clientes. Non deixes que o peixe grande coma ao pequeno pon o acento na calidade, a proximidade e o coñecemento da zona que posúen os comerciantes, fronte á frialdade doutras formas de mercar. Ademais, resalta o estímulo económico que implica para a cidade, e o aforro enerxético que supón a compra de proximidade, ao eliminárense transportes, embalaxes e custos innecesarios.
O sector está cambiando a unha velocidade vertixinosa, afirmaron os comerciantes, pero é certo que nalgúns países se está percibindo xa o regreso ao comercio do centro das cidades. Os consumidores piden cada vez mellor servizo, maior calidade e rapidez, aseguran, “algo que o comercio tradicional tamén pode ofrecer se lle damos a oportunidade”.