A empresa compostelá estreou onte un vídeo para concienciar sobre o coidado da auga e do mediombiente
Espina & Delfín reparte entre o seu persoal vales para consumir no comercio local. O obxectivo desta iniciativa do Nadal é apoiar aos pequenos establecementos. Na área de Compostela a empresa colabora coa Fundación Santiago Centro, con Xuntanza de Empresarios de Ames e coa Asociación de Empresarios Terra de Melide con 2.100 euros. En total, os vales entregados nos diferentes municipios galegos suman 4.000.
Para conseguir un dos vales que regalou a empresa os empregados tiñan que gravar un pequeno vídeo realizando algunha acción para concienciar sobre o coidado da auga e do medioambiente. Todos os participantes recibiron un vale de 100 euros, e os seis mellores, de 300 euros. Estes curtos caseiros compoñen o vídeo de Nadal de Espina & Delfín, que se estreou onte nas súas redes sociais e na súa páxina web.
A administradora solidaria de Espina & Delfín, Rosa Blanca Rodríguez, explica como naceu esta iniciativa: “Este ano non imos poder facer a nosa tradicional festa de Nadal na que dedicabamos a mañá a diversas actividades deportivas e a continuación celebrabamos todos xuntos a nosa comida de Nadal. Por iso, este ano queriamos facer algunha actividade a nivel interno para unirnos, como foi compartir os vídeos. Ao mesmo tempo, premiamos aos participantes e achegamos o noso gran de area ao comercio local dos municipios nos que estamos presentes”.
Espina & Delfín é o principal grupo galego que se ocupa do ciclo integral da auga, sector no que deseña, constrúe e xestiona infraestruturas e servizos de abastecemento e saneamento. Máis de cincuenta concellos de Galicia, nos que residen habitualmente 550.000 persoas, confían en Espina & Delfín. A empresa tamén opera en Portugal, Angola e Colombia