La tienda de María é unha tenda de roupa infantil en Santiago de Compostela especializada en primeiras postas e nos primeiros anos de vida do bebé. Unha pequena charla con Cristina nos axuda a coñecer mellor este pequeno establecemento do Ensanche compostelán.

 

Cales crees que son as cores para esta primavera en moda infantil?

Nos traballamos moda para bebé e aquí séguense levando as cores tradicionais, como o amarelo, o branco, o rosa ou o azul. Despois fóronse introducindo novas cores que son moi favorecedoras como o verde auga e o coral. Este último é unha cor moi bonita que achega moitísima luz e aos bebés máis pequeniños séntalles moi ben. Xa cara verán empézanse a levar os clásicos desta tempada como son o vermello e o mariño.

Cal é a peza que máis está a arrasar nesta tempada?

Os clásicos son unha aposta segura, o noso traballo céntrase moito na primeira posta e en vestir ao bebé na súa primeira etapa, polo que un conxunto de primeira posta co xersei coa súa polaina e unha capota é o máis demandado, sobre todo agora na primavera porque son pezas 100% de algodón e achegan moitísima comodidade. Aínda que en realidade, esta primeira posta é o que máis se ven a buscar tanto na primavera como o resto do ano.

Hai algunha peza que xa sexa a túa favorita?

Pensando no bo tempo a min encántanme os peleles, tanto para neno como para nena. O pelele é unha peza moi versátil, moi cómoda, adóitase utilizar ata máis ou menos o aniño ou cando empezan a camiñar, ademais é moi fácil de combinar e coas pernas ao aire os bebés están ideais.

Con motivo do gusto actual polos materiais reciclados, tedes algún produto sostible entre as vosas coleccións?

Si que é certo que ven moita xente buscando produtos ecofriendly, aínda que os tecidos dos bebés son tecidos delicados de por si. No verán é practicamente 100% algodón todo, pero no inverno apóstase máis por tecidos sintéticos polo tema do frío. Temos provedores que traballan con algodón orgánico, pero non en todos os seus produtos. Nos tentamos traballar con provedores locais e nacionais. Apostamos pola fabricación española, e en concreto por tres casas que fabrican aquí en Galicia. Pero temos un provedor que fabrica en Alacante que acaba de sacar unha colección completa con algodón orgánico.

Hai algún complemento ou accesorio que sexa imprescindible para esta tempada?

Todo o que ten que ver con gorros, tanto para a praia como para a rúa, para protexerlles a pel e os ollos e protexerlles da luz solar. Tamén algo que gusta moito ás nosas clientas son as coleccións de baño, que un bebé sexa chiquitín non quere dicir que non poida ir coqueto á praia. Un culetín ou un bañador cunha camiseta a xogo son cousas que xa se empezan a vender na primavera, as mamás nese sentido son bastante previsoras. Hai pezas que hai que levalas a principio de campaña, porque despois xa non quedan. Mesmo se pode facer o xogo coa toalla ou co poncho de praia.

Empezades a notar vendas relacionadas coa volta dalgúns eventos sociais?

Si, a pesar da incerteza porque agora non se poden programar eses eventos da forma que o faciamos antes, é certo que empezamos a notar que se están retomando os bautizos e outros eventos sociais. Aquí traballamos colección de bautizo e xa estamos a notar as datas, e despois familias que están convidadas a algúns eventos tamén empezan a buscar conxuntos un pouco máis especiais. Aínda que eu creo que este ano todo será un pouco máis sobre a marcha, non como antes da pandemia que a xente viña con máis tempo para mirar cousas.

Adaptades o voso escaparate ás diferentes tempadas?

O escaparate adaptámolo a todas as tempadas, e dentro de cada tempada fanse entre dous e tres escaparates. Agora, ao longo da primavera fixemos un inicial cun pequeno avance de tempada no mes de marzo, e entre abril e maio facemos outros dous máis. Despois, dentro de cada escaparate, e se hai determinadas celebracións, adaptamos un recuncho do escaparate a esas celebracións, por exemplo o día da nai.

Estades a vervos moi afectadas esta tempada polas consecuencias da pandemia?

Evidentemente aféctanos a todos, tivemos que incrementar a nosa presenza en redes sociais. O que máis nos afectou foron os peches perimetrais, no mes de novembro co peche de Santiago notámolo moito. Agora mesmo estamos mellor, pero nótase a falta da xente de fóra, e máis este ano co ano Xacobeo.

Onde podemos atopar as vosas propostas para esta primavera?

Estamos dispoñibles en Instagram e Facebook, ademáis neste último temos incorporado un botón que leva directamente ao noso contacto en WhatsApp. Tamén podedes contactar con nos chamando á tenda (981597808). Por outro lado, hai pouco abrimos a nosa páxina web, aínda que polo momento é unha web corporativa, esperamos contar cunha sección de venta online antes de rematar o ano.