Nos últimos tempos, coa incerteza da pandemia e as restricións de acceso á hostalería, moitos clientes prefiren cear na casa sen renunciar ao sabor das mellores casas de comidas da cidade. La Pepita Burger Bar, o reputado restaurante da praza de Galicia, pono ben fácil: para levar ou a domicilio, en casa ou na oficina, as súas especialidades non descansan.

Gozar delas é moi sinxelo. Basta con acceder á WEB DE LA PEPITA ou a ESTE PORTAL DE ENVÍOS A DOMICILIO e elixir o menú. La Pepita prepararao e entregarao a domicilio á hora convida. Máis aínda, as empresas poden encargar o seu menú #PepitaWorkers por 11,50€. O restaurante preparará o pedido e entregarao (o reparto suma 1,99€ á factura) en calquera centro de traballo situado ata a 10 quilómetros de Santiago. Unha forma perfecta de substituír, en tempos nos que os comedores dos restaurantes están pechados, a comida de mediodía de moitos empregados.

La Pepita acaba de incorporarse ao Centro Comercial Aberto do Ensanche, e leva catro anos ofrecendo excelente produto a composteláns e visitantes: foccacias, tempuras, fingers ou ensaladas comparten carta co produto estrela da casa: a hamburguesa premium, na que, segundo comenta o seu xerente, Miguel Álvarez, é “a oferta máis ampla do mercado. Temos burgers de carnes de tenreira 100%  rubia galega, costeleta, boi de El Capricho, seguramente o mellor do mundo, porco ibérico, cochinillo ou polo de curral; peixes como o bonito e o salmón; e opcións veganas”.

Unha hamburguesa perfecta non ten grandes segredos, di con modestia Álvarez. Aínda que tampouco é tan sinxelo: “Canto mellor sexa a carne mellor será a hamburguesa”, afirma. Logo, inflúen “a temperatura e a grella. A carne ten que quedar sempre crocante por fóra pero xugosa por dentro”. E o pan, o gran esquecido en moitas ocasións, que en La Pepita é artesán e elaborado por unha das panaderías máis prestixiosas de Galicia, A Santiña. O resto de ingredientes, verduras, hortalizas ou froitas, proceden de produtores de proximidade.

Ofertas hostaleiras excelentes como esta fan medrar o atractivo comercial do Ensanche de Compostela, “unha contorna cunha oferta moi variada”, afirma Miguel Álvarez. Nos últimos tempos púxose máis de manifesto ca nunca a necesidade dun comercio de proximidade e dunha hostalería próxima para dar vida ás rúas: “En momentos tan difíciles como os que estamos a vivir vese con claridade o entristecido que está o Ensanche polo peche dos establecementos. Hostalería, comercio e ocio compleméntanse e necesítanse. O comercio local aporta un trato pesonalizado, unha oferta especializada, diversidade, calidade e proximidade. Unha cidade sen comercio é unha cidade sen vida. O comercio fai cidade e dá seguridade”, afirma.

Hai cousas que mellorar no Ensanche, por suposto. Miguel Álvarez apunta unha ben interesante: “Temos que priorizar aos peóns na praza de Galicia e ampliar as súas beirarrúas. Son demasiado estreitas para o tráfico que soportan”.