Os comercios integrados en Santiago Centro son testemuña da historia viva da cidade. Algúns, mesmo da historia do sector no que se encadran. É o caso de Amancio Deportes, un dos establecementos máis veteranos do centro comercial aberto do Ensanche compostelán. Entre as súas paredes xunta varios tesouros que recordan a algúns dos mellores deportistas do planeta.

É o caso dunha xoia que leva vinte e cinco anos formando parte da paisaxe da tenda: unha pelota de baloncesto asinada polo maior mito deste deporte, o norteamericano Michael Jordan. O balón, explican na tenda, chegou con motivo dos xogos olímpicos de Barcelona 1992: “Jordan estaba vinculado nesa época coa marca Wilson e visitou as oficinas da compañía en Barcelona, e daquela asinou varios balóns para algúns dos seus clientes”. Unha desas bólas, que o escolta dos Chicago Bulls manexaba con mestría, acabou así en Santiago de Compostela.

Jordan estivo en Barcelona formando parte do recordado Dream Team que a NBA mandou aos Xogos, e que arrasou no campionato. A lista dos xogadores é case un Evanxeo para os afeccionados: Jordan, Ewing, Bird, Pippen, Malone, Stockton, Mullin, Barkley, Magic Johnson…

A pelota asinada por Jordan non é o único tesouro que se garda entre as paredes de Intersport Amancio. A tenda conta, por exemplo, cunha camiseta da selección francesa de fútbol asinada por Zinedine Zidane, o mellor xogador galo de todos os tempos, con permiso de Platini. Tamén teñen unha elástica da selección española firmada por Fernando Torres, autor do gol que deu a España a Eurocopa de 2008 e compostelán adoptivo, por vía familiar.