Remata o mes de agosto e achégase para centos de nenos composteláns o momento de volver ao colexio. Para as familias isto significa unha carreira contra o reloxo para equipar aos pequenos de roupa, uniforme no seu caso, mandil e complementos que os vistan durante todo o curso. Por fortuna, na contorna do Ensanche de Compostela hai establecementos especializados que fan máis doado este traballo. Un deles é Patucos&Co, que ofrece desde Conxo os mellores produtos para esta época do ano e máis alá.

Patucos&Co leva case decenio e medio aberto na rúa Doutor Maceira e especialízase na moda infantil desde o nacemento ata os 16 anos. “Principalmente traballamos con marcas nacionais”, explica Natividad Landeira, responsable do establecemento. Destaca que “un momento forte de venda é a volta ao cole para os máis peques. Temos a disposición do cliente mandilóns durante todo o curso e personalizámonolos ao gusto do cliente”.

En Patucos&Co tamén dispoñen de propostas perfectas para saudar a chegada dun novo membro á familia. “Temos unha gran selección de produtos de canastilla e para bebés, cun amplo abano de agasallos personalizados”, explica a responsable do establecemento. “A atención individualizada e próxima”, di, “é o noso sinal de identidade. Esforzámonos en proporcionarlle ao cliente sempre o mellor asesoramento e información”.

Natividad é moi activa na reivindicación da integración real de Conxo co resto do Ensanche compostelán. O histórico barrio santiagués, que no pasado foi concello de seu, parécelle estar “abandonado”: “A gran barreira que temos e a avenida de Romero Donallo. Cruzamos esa rúa e é outro mundo”, lamenta. Negocios coma Patucos&Co demostran que tamén nos barrios é posible facer comercio de proximidade e de calidade e, con el, crear cidade.