WhatsApp Business é unha aplicación creada coa intención de establecer un contacto máis directo entre empresas e consumidores, e cada vez vai chegando a máis xente. A súa descarga é gratuíta e o seu funcionamento é similar ao do WhatsApp normal. O que o diferencia deste son as ferramentas para automatizar, organizar e responder rapidamente ás mensaxes.

O primeiro paso, unha vez descargada a aplicación, é crear un perfil de empresa no que engadir toda a información posible para poñer ao dispor do cliente, desde os horarios de atención, unha breve descrición, páxina web, ata as ligazóns aos perfís en redes sociais do comercio. A continuación, pódese empezar a descubrir todas as ferramentas que WhatsApp pon a disposición das empresas. Esta aplicación permite crear categorías e etiquetas para clasificar aos clientes, facilitando desta forma a administración por parte do usuario. Ademais, pódense xerar mensaxes de benvida e ausencia, que lle chegarán aos teus clientes cando establezan unha comunicación contigo por primeira vez ou cando ti non poidas responderlles. Tamén está a disposición do usuario a opción de crear mensaxes automatizadas con atallos para responder máis rápido ás preguntas máis habituais que fan os clientes, aforrando así tempo e permitindo responder a máis clientes á vez.

Doutra banda, esta aplicación tamén inclúe a opción de xerar mensaxes masivas, coa intención de transmitir mensaxes de interese aos clientes, por exemplo un cambio repentino no horario da tenda ou unha nova oferta dispoñible. Sen necesidade de crear grupos de chat ou de escribir un por un!

Agora para saber se a túa tenda de confianza ten dispoñible ese produto que estabas a buscar xa non tes que moverte de casa, basta con enviar unha mensaxe por WhatsApp para consultalo ou simplemente observar o seu catálogo na app.

Cun mundo cada vez máis dixitalizado e conectado, é moi importante para o pequeno comercio manterse actualizado e adaptarse ás novas esixencias dos consumidores. Xa son varios os comercios de Santiago Centro que se sumaron a utilizar esta aplicación para achegarse máis aos seus consumidores e conseguir estar máis conectados. Se aínda non probaches esta aplicación co teu comercio ou o estás pensando, este é o momento!