Case un cento de comercios do Ensanche compostelán reparten este Nadal agasallos a través da campaña de boletos con premio directo impulsada por Santiago Centro, Área Comercial. Desde hoxe e ata o próximo 5 de xaneiro, os establecementos adheridos distribúen máis de 650 premios, achegados polos propios negocios e polas galerías de arte que participan na mostra de arte contemporánea en escaparates Pasearte, nun esforzo para promover a fidelización dos clientes en datas especialmente importantes para o sector.

Os agasallos que se poden atopar nos boletos van desde descontos directos de ata o 50% a produtos de primeira calidade como gafas das máis coñecidas marcas; mochilas; zapatos; pequenos electrodomésticos; prendas de moda; cursos personalizados de inglés; complementos; artigos deportivos; reloxos; almorzos para 2 persoas en establecementos asociados; bonos de vacinación para mascotas; lotes de viño; ou produtos de alimentación gourmet.

Ademais, as cinco galerías de arte que participan en Pasearte (Metro, Trinta, Luisa Pita, Nordés e Federica no era Tonta) cederon para a campaña trinta obras dos artistas que representan. Entre os premios atópanse litografías, fotografías, postais ou pequenas pezas de cerámica valoradas nunha media de 150€ cada unha.

A campaña permanecerá vixente ata o día 5 de xaneiro e o seu funcionamento é moi sinxelo: por cada compra os establecementos entregan aos clientes un boleto que, ao abrirse, indica o premio correspondente, sen sorteos e de forma inmediata. Posteriormente, o premiado debe dirixirse ao establecemento indicado para recoller o regalo correspondente.

Santiago Centro conta nesta iniciativa co apoio do Concello de Santiago, da Deputación Provincial da Coruña e da Xunta de Galicia. Trátase de apoiar ás empresas no desenvolvemento da súa actividade nunha época clave do ano como é o Nadal, reforzando a zona moderna de Compostela como área principal de compras da cidade.

ACTIVIDADES FAMILIARES

O Centro Comercial Aberto do Ensanche organiza tamén talleres familiares, algúns deles dentro da programación de Pasearte. Os días 21, 27 e 29 de xaneiro haberá obradoiros de construción con Lego, que se levarán acabo ás 18 horas no Centro Cívico do Ensanche. As prazas son limitadas, polo que se prega inscribirse no teléfono 981 543 001. En canto aos talleres de Pasearte, o calendario pode consultarse na web da mostra.

PAPÁ NOEL, O CARTEIRO REAL E O PAXE DOS REIS MAGOS

Durante últimas semanas do 2018 e a primeira do 2019, as rúas do Ensanche acollerán tamén a dous personaxes clásicos do Nadal. Nas tardes dos días 21, 22 e 23, Papá Noel recollerá nas rúas e nos comercios da zona moderna as peticións dos nenos e nenas que o desexen. O mesmo fará o Carteiro Real os días 2 e 3 de xaneiro, mentres que o Paxe Real visitará a área o día 4, facendo parada en diversos establecementos.