Pasearte, a Mostra de Arte Contemporánea nos escaparates de Santiago Centro, pecha hoxe, día 5, a súa segunda edición, cun balance positivo tanto canto ao impacto como á participación cidadá, tras 25 días de exposición e actividades dirixidas a todos os públicos. Nesta edición foron 90 as obras mostradas, de 60 diferentes artistas entre os que se atopan nomes de tanta relevancia como Vari Caramés, Din Matamoro, Antonio Rábago El Roto, Alejandra Atarés, Dario Basso, Joseba Muruzábal, Pierre Loiuis Geldenhuys ou Pamen Pereira.

Pasearte é unha iniciativa cultural que promove Santiago Centro baixo a dirección de Javier Blanco (Galería Metro), grazas a colaboración das galerías de arte Luisa Pita, Nordés, Federica no era Tonta e Trinta, ademais da propia galería Metro. Organizada por segundo ano consecutivo, “este ano logrouse un impacto considerablemente maior que na primeira edición”, afirma José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro, “sen dúbida porque tanto o comercio coma o público sabían xa da iniciativa e implicáronse bastante máis”. Proba diso foi a participación de máis de 200 persoas nas actividades programadas, coma os talleres, as visitas guiadas e as accións artísticas en directo.

“Pasearte é un proxecto de futuro no que confiamos plenamente – engade Javier Blanco- pola súa capacidade de convocatoria e de dar visibilidade tanto ao pequeno comercio como aos artistas e as galerías, pero sobre todo como polo de atracción ao Ensanche e acción cultural innovadora que logra mesturar dous sectores en principio alleos, como son o da arte
contemporánea e o comercio retallista”. Para o director da Mostra, a súa continuidade está garantida “na medida en que as administracións públicas que nos apoiaron, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e Concello de Santiago, “sigan percibindo Pasearte como una acción que beneficia á arte, á actividade comercial e a todo o público compostelán e visitante”.

Os organizadores destacan tamén as intervencións en vivo levadas a cabo nos vidros de 7 distintos comercios e entidades, “que lograron atraer a atención do público, interesado en ver directamente como se desenvolve un proxeto artístico creativo, desde a súa concepción ata o seu remate”. Incidir neste tipo de intervencións, ampliándoas á realización de obras en
edificios, mobiliario urbano ou accesos a garaxes, “é o reto inmediato de futuro de Pasearte como elemento dinamizador e transformador do Ensanche”, afirma o director da Mostra.

Para Santiago Centro, “Pasearte é xa un feito diferencial que confiamos en continuar, sinala José Mª Fernández, na liña iniciada por Santiago Centro de traballar en proxectos innovadores que proporcionen unha imaxe viva e activa do Ensanche, convencidos de que é o camiño a seguir para manternos como espazo comercial de referencia en Santiago e lograr atraer ao
público non só compostelán senón de toda a comarca”.

“O importante –remata Javier Blanco- é lograr manter a implicación de todo o tecido que colabora con Pasearte, desde as administracións públicas ás galerías de arte compostelás, e desde logo as empresas privadas que colaboran, Jael Joyería, Ulla Óil e Quatrium. Poder contar co respaldo e implicación da empresa privada non só fai viable o proxeto senón que demostra
que a cultura pode ser un elemento dinamizador de áreas comerciais como o Ensanche, co apoio empresarial”.