Santiago Centro promove, en colaboración coa Rede de Iniciativas Empresariais de Santiago e Comarca EM-REDE e o patrocinio do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia, unha programación para a dinamización comercial do Ensanche compostelán o próximo mes de maio. A decoración floral, a quinta edición da Festa do Comercio e un paseo literario son as accións principais propostas polo Centro Comercial Aberto.
DECORACIÓN DE PRIMAVERA
Os establecementos do Ensanche decorarán con motivos primaverais os seus escaparates na semana do 6 ao 11 de maio. Flores, verde ou motivos vexetais darán cor ás nosas rúas. Realizarase un concurso en redes sociais con moitos premios para motivar ao público a votar, para escoller os cinco mellores escaparates.
V FESTA DO COMERCIO
Por quinto ano consecutivo, o comercio do Ensanche volve saír á rúa o sábado 11 de maio en horario comercial, con eventos, promocións e vendas especiais. Os comercios participantes agasallarán aos clientes cun cartel (ilustración do Ensanche) realizado pola artista Lúa Gándara.
LETRAS GALEGAS: PASEO LITERARIO
Frases da obra de Antón Fraguas, autor recordado nas Letras Galegas 2019, adornarán os escaparates do Ensanche entre os días 13 e 18 de maio. Catro artistas novos pertencentes ás galerías de arte que colaboran na mostra Pasearte rotularán os vidros.