Laura Rey Padín resultou gañadora do premio único de 1.500€ en vales de compra do concurso de selfies Este verán duplica o teu soldo con Santiago Centro, que o Centro Comercial Aberto do Ensanche compostelán puxo en marcha na primeira quincena deste mes. A afortunada subiu a Instagram unha imaxe súa diante da bicicleta identificativa da campaña, que circulou durante dúas semanas polas rúas do Ensanche, e foi escollida nun sorteo realizado a través da aplicación Easypromos.

“Cando mo dixeron non o cría, nunca me tocara nada”, dixo Laura Rey ao coñecer o premio. Residente en Compostela e usuaria habitual dos establecementos do Ensanche, apunta que o comercio local “é fundamental para unha cidade porque, se non o apoiamos, as rúas estarían baleiras. Non terían nin vida nin graza ningunha”. Laura Rey Padín é asidua do comercio local “en primeiro lugar porque o trato é moito máis persoal do que poida ser nun gran centro comercial. Eu mesma traballei nunha tenda e sei o que é preocuparse polo cliente”. Ao seu xuízo, á hora de mercar “hai que fixarse en moitas cousas e non valorar só o prezo; hai que concienciarse de que o comercio local dá vida a unha cidade”.

Nos próximos días, Laura Rey recibirá os vales de compra que poderá utilizar ao seu antollo ata o 30 de setembro. “Aínda non sei en que os utilizarei”, ri, “teño que planificalo ben”.

Con iniciativas coma esta, Santiago Centro buscar remarcar a importancia do comercio local na vida dunha cidade e a implicación dos comerciantes no seu desenvolvemento económico e social. A recuperación da actividade comercial será fundamental para a saída da crise, e para isto é necesaria a implicación dos establecementos e das administracións, e tamén dos clientes, que escollendo onde fan as súas compras axudan a reactivar a economía local e, deste xeito, apoia a preservación dos miles de empregos que xeran os pequenos negocios de proximidade.

Santiago Centro conta co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial da Coruña nesta acción. Despois da durísima parada de actividade que supuxo para todos os comerciantes a crise do Covid-19, a Fundación quere axudar con iniciativas coma esta a que a alegría regrese ás rúas do Ensanche e, con ela, animar á veciñanza a realizar as compras que quedaron adiadas pola pandemia. Tamén quere atraer á zona a veciños e foráneos que elixan Compostela como lugar para pasar un verán no que se prevén menos desprazamentos vacacionais, ou cando menos viaxes de menor duración e distancia.