Pasearte, a acción cultural que este Nadal leva a arte contemporánea a 85 escaparates do Ensanche de Santiago, abre a súa programación transversal a inicios da vindeira semana, cun encontro con Joseba Muruzábal, un dos novos creadores galegos máis destacados; e unha intervención artística de David Planas, artista de orixe cubano afincado en Santiago.

Ambas actividades forman parte do amplo programa que se desenvolverá ata o vindeiro día 5 de xaneiro no Ensanche de Santiago, que inclúe encontros con artistas, foros, visitas guiadas, obradoiros dirixidos a un público familiar e máis intervencións artísticas en directo en escaparates e rúas da zona nova compostelá. Pasearte está promovido por Santiago Centro e dirixido por Javier Blanco, comisario e director da mostra. Conta coa colaboración das principais galerías de arte da cidade, Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era tonta.

O primeiro dos encontros terá lugar o martes día 12 terá lugar, ás 18:00h., no CSC do Ensanche. No acto o público terá oportunidade de coñecer a JOSEBA MURUZÁBAL en primeira persoa, así como o momento creativo que está a vivir, as súas inquedanzas e reflexións e máis a súa visión da arte do noso tempo. Acompañará a súa intervención con imaxes e vídeos sobre o seu proceso de traballo, nun espazo aberto ás preguntas e ao coloquio.

Muruzábal, que pertence á nómina de artistas de Galería Metro, é un dos creadores galegos actuais máis destacados. O seu traballo no ámbito da pintura, tanto de estudio como mural, retrata de forma irónica e reflexiva a forza sobrehumana e a vitalidade da muller do rural e xa forma parte do imaxinario artístico deste novo século. Muruzábal (Cambre, 1984) é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, asistiu a obradoiros con Antonio López e ten no seu poder numerosos premios. A súa obra forma parte de importantes coleccións de arte públicas e privadas. Compaxina o seu labor creativo co de mestre de pintura da Academia Veladuras en Compostela, que dirixe. Unha das súas obras máis representativas está actualmente exposta no escaparate de Entrenaranjos (Rpca. Arxentina)

INTERVENCIÓN ARTÍSTICA EN DIRECTO DE DAVID PLANAS

O mesmo martes día 12, a partir das 11:30h., terá lugar a intervención artística en vivo Bella, de DAVID PLANAS, no escaparate do establecemento Kookai Naf Naf (Dr. Teixeiro,20). Bella é un alegato creativo, pictórico e reivindicativo de todos e cada un dos dereitos que lles son arrebatados ás mulleres. A intervención nace desde a perspectiva persoal que transmiten as profesionais que están a cargo día a día de Kookai, defendendo o dereito ao traballo, a ser muller e nai, a estar bela, sen por iso perder o dereito á igualdade de oportunidades.

David Planas comeza a súa traxectoria artística tras formarse na Escola Vocacional de Arte Juan Pablo Duarte e na Escola Nacional de Artes Plásticas da Habana. Trasládase a España, establecéndose en Santiago, onde desenvolve o seu traballo artístico realizando diversas exposicións individuais e colectivas. As súas obras forman parte de exposicións en Alemania, Italia, Bulgaria e EEUU, entre outros países. Artista da galería de arte Luisa Pita,  o seu traballo está exposto en Pasearte, nos establecementos Neck&Neck (Hórreo) e Mogambo (Alfredo Brañas).

Pasearte conta co apoio das concellarías de Cultura e de Comercio do Concello de Santiago; a Secretaría Xeral de Cultura e a Dirección Xeral de Comercio da Xunta. Grupo Ulla, Quatrium Inmobliaria e Taller de Marcos patrocinan a mostra, que leva a 85 establecementos obras de artistas galegos e nacionais de primeiro nivel, en diferentes disciplinas (pintura, escultura, fotografía, vídeo ou mesmo instalacións feitas ad hoc).  As galerías Trinta, Metro, Luisa Pita e Federica no era tonta involucráronse no proxecto traballando co director e comisario da mostra, o xestor cultural Javier Blanco Lado, na integración coa decoración dos escaparates. A exposición esténdese pola maior parte das rúas do Ensanche, creando un continuo expositivo que permite aos visitantes gozar das creacións ao tempo que pasean pola zona.