Preto de setenta comercios do Ensanche de Compostela ofrecerán o próximo sábado, día 27, grandes descontos, ofertas e actividades lúdicas e culturais con motivo da Festa do Comercio. Na cita participan establecementos de sectores variados como a moda, a zapatería, os complementos, a óptica, a alimentación, os deportes ou a papelaría, e está coordinada por Santiago Centro, Área Comercial.
A Festa do Comercio celébrase por terceiro ano consecutivo. Os establecementos sacarán á rúa os seus produtos, ofrecendo descontos que van do 10 ao 50%. Tamén haberá lugar para outro tipo de iniciativas, como agasallos directos a clientes e actividades infantís. As propostas concretas poden coñecerse a través da páxina web de Santiago Centro.
A xornada de portas abertas coincide de novo coas Festas da Ascensión e cunha extensa programación coa que a Fundación Santiago Centro busca dinamizar a zona moderna de Compostela. Desde a pasada fin de semana funciona en 17 establecementos do Ensanche a Ruta EcoGastro de tapas cociñadas con alimentos certificados, unha actividade relacionada co Mercado Compostela Eco 2017, que abrirá na Praza Roxa desde o xoves 25 ao domingo 28.
Relación de establecementos participantes