Mellora das tendas virtuais, programación de publicacións en redes sociais, xestión de pedidos por Internet, cambios de imaxe ou mellora de contidos web con criterios SEO, son algunhas das necesidades cubertas ata o momento polo Programa de Asesoramento Dixital de Santiago Centro, posto en marcha o pasado mes de outono e que seguirá vixente ata o vindeiro mes de xuño.

O Programa, aberto a todos os establecementos asociados que desexen incorporarse, consiste nunha asesoría individual mediante a que se acompaña aos participantes no seu proceso de dixitalización e mellora do seu posicionamento en Internet, clave para superar a crise pola SARS-CoV-2 e adaptarse a unha contorna na que os clientes priman as relacións comerciais virtuais fronte ás presenciais. Mellorar a presenza en Internet e habilitar canles de comunicación virtual resultan agora vitais para manter e relanzar a actividade comercial dos pequenos negocios.

A asesoría corre a cargo de Marta Bouza, titulada en Publicidade e Relacións Públicas e experta en marketing dixital e xestión de medios sociais. Proporciona unha asesoría personalizada que contempla a realización inicial dunha auditoría da presenza en Internet dos establecementos e das súas canles de comunicación cos clientes. Cos datos de partida realizarase unha proposta de accións de mellora que os comerciantes poderán implementar contando co apoio técnico de Santiago Centro.

Os establecementos poderán tamén demandar a asesoría de Santiago Centro para accións concretas de mellora da súa presenza dixital, ou de formación específica sobre aspectos que inflúan na súa transformación e incorporación dixital.

Os establecementos poden adherirse en calquera momento tan só contactando coa Xerencia de Santiago Centro.

O Programa de Asesoramento ponse en marcha grazas á colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, financiado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa FSE Galicia 2014-2020.