Os socios da Fundación Santiago Centro reuniranse mañá martes, 6 de marzo, ás 20.30 horas no Real Aeroclub de Santiago, para celebrar a súa reunión anual. Para esta ocasión os puntos destacados do programa do día son a presentación da memoria de actividades do 2017 e proxectos para o 2018; a da Mostra de Arte Pasearte; e a do Programa de Parking Gratuíto, parte esta da xuntanza que estará aberta a hostaleiros e comerciantes do Ensanche, sexan ou non socios do CCA.
Con respecto a este último tema, Santiago Centro porá en marcha esta primavera un programa de aparcadoiro gratuíto para clientes, ao que se poden adherir todos os comercios e establecementos de hostalería do Ensanche que o desexen. O obxectivo é o de integrar no programa ao meirande número posible de establecementos para así facilitar a afluencia de público e fidelizar o consumo no Ensanche. Lánzase tras a negociación coa práctica totalidade dos aparcadoiros públicos da zona nova compostelá que, por compra conxunta, ofertan prezos vantaxosos. “Cantos máis comercios e establecementos de hostalería logremos integrar no programa” –afirma José Mª Fernández, presidente da entidade- “máis impacto terá nos composteláns e veciños dos concellos limítrofes, que habitualmente sofren as consecuencias da falta de prazas en superficie e a carestía dos aparcadoiros. Aparcar os vehículos a prezos asumibles segue a ser un dos principais problemas do Ensanche”.
Tras abordarse o programa de aparcadoiro gratuíto, Javier Blanco, comisario artístico, presentará a II edición de Pasearte, Mostra de Arte Contemporáneo nos Escaparates, que se levará a cabo novamente coincidindo co Nadal; o resume de actuacións levadas a cabo en 2017 e a proposta de actuacións para 2018.