Unha vintena de comerciantes e hostaleiros participaron esta tarde-noite na xuntanza convocada por Santiago Centro, Área Comercial, para falar do Programa de Parking Gratuíto que se porá en marcha esta primavera. A reunión serviu tamén para presentar a segunda edición de Pasearte, a mostra de arte en escaparates que se celebrará o próximo Nadal e que contará con programación durante todo o ano; e para que os socios coñecesen a previsión de accións para 2018.

O Programa de Parking Gratuíto prevé facilitar un máximo mensual de 3.000 horas de parking. Nel poderán participar tanto socios coma non socios de Santiago Centro, e conta co apoio do Concello de Santiago. Os comercios que se sumen poderán solicitar tickets e recibiranos cada quince días, con descontos importantes. Santiago Centro sinalizará cada un dos comercios cun distintivo especial.

A intención é, segundo explicou José María Fernández, presidente de Santiago Centro, “negociar os mellores prezos, o que se consegue sendo o maior número de implicados posible. A fundación traballa para o conxunto do Ensanche, aínda que se debe aos seus asociados, que son os que mensualmente aportan cota e sustentan o funcionamento e actividades do CCA”. A iniciativa responde a unha das demandas máis repetidas polo comercio e a hostalería do Ensanche: poder proporcionar aos clientes un estacionamento asequible que non os disuada de acudir á zona moderna para facer as compras.

Seguidamente, Javier Blanco, responsable técnico de Pasearte, presentou a II edición da Mostra de Arte Contemporáneo nos Escaparates. En 2018 haberá actividade durante todo o ano, coa organización de diversos talleres, aínda que o groso da actuación volverá levarse a cabo en Nadal. Nesta ocasión, a idea é converter os escaparates en auténticas obras de arte únicas, integrando produtos e creacións e poñendo en común a artistas e comerciantes.

Máis tarde, os socios de Santiago Centro recibiron información sobre as accións realizadas en 2017 e a proposta de actuacións para 2018. O ano pasado Santiago Centro estivo presente en campañas tradicionais como a de Nadal ou rebaixas, e organizou iniciativas novidosas coma o Outlet Santiago Centro, a Festa do Comercio, a Marcha Ciclista +Bici ou a mesma Pasearte.

Para 2018 volveranse celebrar actividades como a Campaña de Primavera (coincidindo coas Festa da Ascensión); o Outlet Santiago Centro (en novembro); un Mercado Ecolóxico de carácter quincenal; ou un programa de actividades infantís regulares, así coma unha importante presenza do CCA en internet e redes sociais e servizos xerais como cursos de formación e asesoría xurídica. “Seguiremos buscado unha maior implicación de Santiago Centro con todo o que pasa no Ensanche, porque os comerciantes somos os primeiros interesados en contar cunha zona moderna viva e atractiva”, concluíu Fernández.