Santiago Centro, Área Comercial, abrirá a web OutletSantiago.gal a produtos de temporada, aproveitando toda a potencialidade desta ferramenta para que sirva como plataforma de venda do comercio local compostelán. Nesta nova fase, a páxina mostrará con etiquetaxes diferentes os produtos de temporada e os rebaixados, permitindo que os clientes poidan acceder a unha ampla gama de prezos desde o mesmo sitio.
Ata o momento, OutletSantiago.gal funciona cunha ampla selección de produtos de todos os sectores (téxtil, calzado, xoiaría, complementos, deportes, papelaría, animais de compañía, alimentación gourmet, óptica, imaxe e son, regalos, mobles e máis decoración) con descontos de ata o 70%, ofertados por unha trintena de establecementos, todos eles con tenda física en Compostela. Coa introdución de produtos de temporada non rebaixados, que se diferenciarán a primeira vista por unha etiquetaxe diferente, os clientes poderán atopar toda a oferta do comercio local nun mesmo portal multi tenda. A plataforma permite a compra online e recollida en tenda, que facilita a compra en calquera momento e a recollida sen agardas.
A web traslada ao mundo dixital a experiencia de compra do comercio tradicional, poñendo a disposición do cliente produtos de calidade con toda a atención e profesionalidade do comercio de proximidade. OutletSantiago conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela e da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, a través das súas liñas de axudas a asociacións de comerciantes e proxectos de innovación comercial. Santiago Centro proporcionará instrucións para diferenciar os produtos aos comercios xa incluídos no outlet, e levará a cabo sesións de formación para aqueles que se incorporen por primeira vez.
Asesoramento dixital a socios
Por outra banda, Santiago Centro incorporou unha especialista en marketing dixital, que estará a disposición dos asociados de xeito gratuíto para mellorar o rendemento das súas canles en Internet. Trátase dun servizo de asesoría persoal para redes sociais e webs que inclúe desde consellos básicos de creación de contidos a nocións de deseño básicas, estratexias de promoción na rede ou publicidade nas principais plataformas sociais. Os socios que desexen acceder a este asesoramento deben porse en contacto con Santiago Centro a través do correo info@santiagocentro.gal. Este servizo lévase a cabo coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Estas dúas accións forman parte da estratexia de transformación comercial que leva a cabo Santiago Centro desde hai uns anos. A dixitalización e a apertura a novos mercados, mantendo a calidade e a proximidade que lle son propias, resultan vías imprescindibles para que o comercio retallista poida sobrevivir nun tempo marcado polas vendas por Internet e a distancia. Santiago Centro aposta decididamente por aproveitar as mellores características dos establecementos tradicionais proxectándoas na Rede, e para isto impulsa iniciativas como o Grupo de Comercio Innovador, no que participan establecementos que idean e testan proxectos innovadores que logo poden estenderse ao resto do tecido comercial.