A Fundación Santiago Centro, Área Comercial, presentou esta mañá no Concello de Santiago unha serie de accións destinadas a dinamizar das rúas e prazas do Ensanche de Santiago, atraendo a veciños e turistas. As actividades coinciden en parte coa celebración das Festas da Ascensión. Na rolda de prensa estiveron presentes a concelleira de Comercio, Marta Lois; o presidente de Santiago Centro, José María Fernández; e o presidente da Asociación de Produtores Ecolóxicos Galegos (APEGA) e patrón da Fundación, Xosé Manuel Durán.
“Queremos que o Ensanche, tanto os seus comerciantes coma os seus vecinos, se impliquen a fondo na celebración más compostelá do ano”, explicou Fernández. O éxito dasa actividades no 2016 animou á fundación a repetir e aumentar programación este ano, afirmou.
Estas son as actividades que levará a cabo Santiago Centro nos meses de maio e xuño dentro da programación Ensanche Primavera 2017:
-Desfile Moda a Pé de Rúa (venres 19 de maio, rúa Xeneral Pardiñas). Desfile ao aire libre de moda, calzado, complementos, coidado persoal, tecnoloxía… no que participan os establecementos do Ensanche.
-Ruta EcoGastro 2017 (do 20 ao 28 de maio). Promovida en colaboración coa Asociación de Hostalaría de Santiago e Comarca, trátase dunha ruta de tapas realizadas con alimentos ecolóxicos certificados, en establecementos hostaleiros do Ensanche.
–Compostela Eco 2017 (do 25 ao 28 de maio na Praza Roxa). Mercado de alimentación ecolóxica certificada, convocado conxuntamente pola Asociación de Produtores Ecolóxicos de Galicia, APEGA, e a Fundación Santiago Centro. Exposición comercial cuns vinte expositores de produtores de proximidade, tendas, elaboradores, transformadores e envasadores. Actividades de divulgación.
-Festa do Comercio 2017 (sábado 27 de maio). Os establecementos do Ensanche saen á rúa con ofertas e propostas lúdicas e de animación.
-Compostela ART 2017 (1 ao 20 de xuño, Praza Roxa), mercado de artesanía e obxectos singulares.