O Outlet Santiago Centro levará entre os días 9 e 11 de xuño as mellores ofertas do comercio local ao mesmo centro do Ensanche compostelán. Un amplo grupo de establecementos estarán presentes nunha tenda efémera aberta nun local na rúa Xeneral Pardiñas número 13, que contará tamén coa presenza de propostas de artesanía e de asociacións solidarias. Santiago Centro organiza o evento co patrocinio da Xunta de Galicia e o Concello de Santiago e co apoio do Banco Sabadell.

A tenda outlet pop-up dos comercios do Ensanche de Santiago estará aberta o xoves 9 de 16:30 a 21:00 horas, e o venres 10 e o sábado 11 de 11:00 a 14:00 e 16:30 a 21:00 horas. Contará coa presenza de establecementos dos sectores do deporte, moda xove, infantil e de muller, óptica e lencería. Participarán tendas de recoñecido prestixio na zona nova compostelá: Amancio Deportes, Carmen Diaz Estilista, Centro Deportivo, Cultura Urbana, Esther Lencería, Kids and Us, Óptica Tábora, Patucos&Co e Tiro Libre. Todas elas acudirán con produtos en outlet con descontos considerables, mantendo as mesmas garantías que no establecemento orixinal.

O Outlet Santiago Centro ofrecerá tamén unha zona dedicada ás creacións artesanais máis orixinais e coidadas, da man de Dulces y Saladas, Planeta Tres Zetas, Soledad Mato, Noga Arts, DuArte Leather, Estilo Puratití e Boneco Tolo. A cita contará cun compoñente solidario cos stands das asociacións solidarias Fundación Andrea, Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (Asanog) e Down Compostela.

Fin de semana de ocio e compras A celebración do Outlet Santiago Centro coincide coa de Prima 22, a gran festa do comercio compostelán que promove o Departamento de Comercio do Concello de Santiago. Desde o xoves, as rúas de Compostela, e nomeadamente as do Ensanche encheranse de propostas musicais e de ocio para todas as idades. Os comercios sacarán os seus produtos á rúa para ofrecer a veciños e visitantes a posibilidade de pasear, gozar coa cultura e facer as compras nun ambiente alegre e estimulante.