O Centro Cívico do Ensanche acolleu onte a mesa redonda Un novo futuro para o Ensanche, un acto promovido por Santiago Centro, Área Comercial, en colaboración con EmRede. A cita xuntou a tres expertos para analizar e propor ideas para encarar o futuro da zona moderna compostelá: urbanismo, turismo e tecnoloxía foron os eixos sobre os que xiraron as intervencións do arquitecto Juan Caridad, o xornalista Cristóbal Ramírez e a coordinadora do estudo Nova estratexia comercial para o Ensanche, Elena Goyanes.
Asistiron representantes políticos e sociais de Compostela, así como empresarios e comerciantes, a un acto “resultado de meses de traballo e programado como unha ferramenta máis na estratexia que estamos definindo como folla de ruta propia”, explicou José Mª Fernández, presidente de Santiago Centro. Fernández destacou que é necesario que o sector comercial “se ilusione tras moitos anos de dura crise, que parece que nunca vai rematar”, e que para isto é preciso “crear unha nova inquedanza entre o empresariado, ganas de traballar conxuntamente, e de mudar a postura de espera por actitudes proactivas”.
Juan Caridad Graña, arquitecto especializado en Urbanismo na Escola Técnica Superior de Arquitectura na Universidade da Coruña, abriu a mesa facendo un breve repaso sobre a xénese do Ensanche como peza de cidade, e dos principais problemas urbanísticos que presenta: uns límites que fan difícil a conexión con outras zonas de Compostela, poucos espazos para a vida en común e a falta dun elemento dinamizador e atractivo claro. Neste sentido, expuxo varias ventás de oportunidade que se lle presentarán á zona nos vindeiros anos. A primeira será a xa proxectada edificación da Estación Intermodal, na parte sur, que debería servir como polo de atracción e xerar fluxos de tránsito entre o casco vello e o Ensanche. O outro, a parcela do antigo colexio Peleteiro, central na zona moderna compostelá e de momento sen un destino definido.
Pola súa banda, o xornalista experto en turismo Cristóbal Ramírez, abordou a oportunidade que supón o crecente fluxo de visitantes que recibe anualmente Santiago. Baseándose no estudo realizado por Santiago Centro en colaboración coa Escola de Turismo da Coruña, apuntou que o gran problema da zona é o case absoluto descoñecemento que mostran os visitantes cara á existencia do Ensanche. Unha programación cultural atractiva, o establecemento de comercios singulares e que dificilmente se poidan atopar noutros lugares e tamén o proxecto dun polo de atracción que singularice a área e faga atractiva a visita, foron algunhas das propostas de Ramírez para o futuro inmediato.
Mentres, Elena Goyanes, coordinadora do estudo sobre estratexias comerciais innovadoras que está rematando Santiago Centro, afirmou que a tecnoloxía debe ser a marca identificadora do Ensanche. Recuperar a aura de modernidade que nun momento tivo a zona é posible apostando pola conectividade e por tecnoloxías xa existentes e testadas noutras cidades e capitais españolas e europeas, caso dos beacons, aparellos electrónicos que envían mensaxes aos móbiles do público sobre ofertas comerciais ou datos culturais e de utilidade; ou pantallas interconectadas en varios puntos urbanos, tanto en zonas públicas coma nos comercios, que emitan unha programación coordinada na que se mesture a promoción cultural coa comercial. Goyanes, que aposta polo afianzamento das relacións de barrio como eixo vertebrador do Ensanche, propuxo tamén a creación por parte de Santiago Centro dun núcleo de comercios innovadores dispostos a apostar por estas novas fórmulas, e que serviría para lanzar e testar ideas que logo se poderían estender ao resto de asociados e de comerciantes. A formación, a unión e o compromiso público e privado, serán fundamentais, dixo, para afrontar un futuro inmediato marcado tremendamente pola irrupción do comercio electrónico e as novas fórmulas de conexión on-off no comercio retallista, ás que o comercio tradicional deberá enfrontarse a partir de agora.
Os contidos da mesa celebrada onte serán analizados por Santiago Centro para a súa incorporación á redacción final da Estratexia, cuxo remate está previsto para mediados do mes de novembro. O documento será a base de acción de Santiago Centro durante os próximos cinco anos.