Santiago Centro, Área Comercial, pide que se estreme a vixilancia sobre os alugueiros turísticos ilegais no Ensanche, un fenómeno que ademais de danar aos negocios que respectan as súas obrigas, redunda directamente nunha baixada da calidade e dana a imaxe da cidade entre os visitantes. Neste sentido, súmase á proposta de unidade contra a proliferación de pisos turísticos ilegais realizada pola Asociación de Hostalería de Compostela.

Pola información recollida entre veciños e comerciantes da zona moderna, no Ensanche de Compostela hai unha cantidade crecente de pisos que se dedican a aloxamentos turísticos ilegais e que, en moitos casos, nin sequera manteñen uns mínimos de habitabilidade. “Sabemos que se teñen producido reclamacións formais polo alugueiro de pisos que mesmo estaban en obras”, explica o presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández.

Fernández afirma que este fenómeno “se vén detectando desde hai un par de anos, en moitos casos ocupando o lugar de vivendas que estaban baleiras e nas anteriormente vivían estudantes. Agora dedícanse ao alugueiro turístico ilegal e, no peor dos casos, a negocios de prostitución, tamén ilegais”. “Non é só que a actividade eluda todos os controis e que supoña unha competencia desleal cos alugueiros  legais e os establecementos hostaleiros que compren coas súas obrigas; é que dana gravemente a imaxe de Santiago entre os turistas que nos visitan”.

Santiago Centro pide especificamente que se controlen estes alugueiros e que se garanta a calidade esixible para non danar a imaxe de Santiago. Por isto, a Fundación Santiago Centro sumase aos acordos adoptados por Hostalería e ponse á disposición das Administracións públicas e do resto de asociacións involucradas para combater esta situación crecente e preocupante.