Chegan os días grandes da Semana Santa e Santiago énchese de vida coa chegada de turistas e coas vacacións da súa propia veciñanza que aproveita o seu tempo de lecer e descanso na súa cidade. Compostela presenta unha extensa programación para estes días que podes consultar nesta ligazón do Concello de Santiago https://www.santiagoturismo.com/files/2023/03/ProgramaSemanaSanta23Web1.pdf. No programa atoparás todas as procesións que se celebran na nosa cidade e demais celebracións relacionadas coa liturxia, pero tamén outros moitos plans que teñen que ver coa cultura ou a música.

O Ensanche compostelán non é alleo a esa vida cultural e relixiosa que enche Santiago nestes días, sempre tecendo redes entre o casco histórico e a zona nova, perfectamente conectadas. Así é que no programa municipal inclúese como recomendación o festival urbano de fotografía Compostela Photo, impulsado pola Asociación Santiago Centro e que convida a ver imaxes en gran tamaño colocadas en 15 portóns de garaxes do Ensanche mentres das un paseo.

Bares, comercios, parques infantís, rúas pensadas para os peóns… son outras das posibilidades que atoparás na zona nova de Santiago para aproveitar ao máximo estes días libres. Dende a asociación de comerciantes Santiago Centro desexamos que pasedes unha feliz Semana Santa!