Máis de 140 músicos, alumnos e profesores de seis conservatorios e escolas de música de Compostela, tocarán o próximo sábado 1 de abril nas rúas e prazas do Ensanche para recadar fondos para as investigacións contra o cancro do Grupo de Oncoloxía Médica de Santiago (Oncomet). A iniciativa involucra tamén a preto de 30 voluntarios que apoiarán á organización da xornada; e a 150 comercios do Ensanche, que desde o pasado día 20 recollen as achegas dos clientes e veciños de Santiago. A campaña está promovida por Santiago Centro, Área Comercial en colaboración co Club Financiero e o respaldo de Oncomet.

Á convocatoria uníronse de xeito desinteresado a Escola de Altos Estudos Musicais, o Conservatorio Histórico, o Conservatorio do Colexio Manuel Peleteiro, a Escola Municipal de Música, Estudio Escola de Música e o Colexio Compañía de María. Os centros achegan 42 actuacións con formato de mini concertos a cargo de intérpretes de todos os niveis e idades en varias localizacións do Ensanche.

A Praza  Roxa acollerá un piano de cola no que se sucederán as actuacións durante todo o día, mentres que pola mañá tamén haberá música nas rúas Xeneral Pardiñas, Carreira do Conde, Fernando III O Santo, República do Salvador ou Alfredo Brañas. En casos, as actuacións supoñen a utilización de equipos de amplificación instalados na rúa. Durante a xornada, os composteláns poderán disfrutar desde a excelencia dos alumnos de posgrao da Escola de Altos Estudos Musicais, ata a arte de pequenos intérpretes de 8 anos, bandas de jazz, agrupacións de ata 35 integrantes ou orquestras infantís. Todos os intérpretes colaboran para, coas súas intervencións, recadar os máximos fondos posibles para Oncomet.

O día 1 será tamén o último no que os comercios do Ensanche disporán das huchas que a organización distribuíu para que os composteláns poidan facer as súas achegas. Os establecementos sumáronse de maneira masiva á iniciativa, mostra da súa implicación coa cidade e da vitalidade da principal zona comercial de Compostela.

A biopsia líquida

O obxectivo da xornada é contribuír á campaña de captación de fondos para o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet) do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), que leva a traballar máis de cinco anos neste revolucionario método de loita contra o cancro ata conseguir situar a Galicia como referente nacional e europeo no marco da medicina oncolóxica de precisión.

Esta nova e revolucionaria técnica, a biopsia líquida, podería permitir no futuro adiantar o diagnóstico e tratar a enfermidade en estadíos máis temperáns; e, en calquera caso,  dirixir mellor os tratamentos. Moitos doentes galegos estanse xa a beneficiar das  vantaxes que ofrece esta nova técnica de loita contra o cancro no seu tratamento e o éxito deste proxecto permitiría abrir novas vías de investigación e tratamento e ampliar o número de pacientes.