Santiago Centro ofrece aos comerciantes, asociados ou non, tickets de aparcadoiro con ata un 80% de desconto sobre o prezo habitual, para que os establecementos poidan ofrecer aparcadoiro gratuito aos seus clientes. Con esta acción, realizada en colaboración co Concello de Santiago, a Fundación segue a apostar polo programa de aparcadoiro que leva a cabo desde 2018 como fórmula para atraer clientes ao Ensanche de Compostela.
Medio cento de establecementos están adheridos xa a esta iniciativa. A través dunha negociación individual coa inmensa maioría dos parkings da zona nova compostelá, Santiago Centro conseguiu prezos moi competitivos, que en ocasións aproxima o custe da hora de aparcamento á terceira parte do seu prezo habitual. É a Fundación a encargada de adquirir tickets en grandes cantidades, que despois poden comprar os establecementos a prezos reducidos. Os establecementos regalan despois estes tickets aos seus clientes en función da compra mínima que establezan. Os negocios adheridos ao programa son facilmente identificables a través dun cartel visible na porta de entrada.
Os establecementos poden solicitar mensualmente tickets dos aparcadoiros que máis interesantes lles resulten por proximidade ou comodidade para os clientes. Na actualidade, os aparcadoiros integrados no programa son Araguaney, Praza de Galicia, A Rosa, Praza Roxa, Estación Renfe, Praza de Vigo, Fernando III e Romero Donallo.
O programa de aparcadoiro gratuíto incorpora fondos específicos achegados polo Concello de Santiago, e está aberto a comercios non asociados a Santiago Centro. A Fundación subvenciona a maiores a adquisición de tickets por parte dos seus socios, que poden así obter tarifas aínda máis reducidas.