A Fundación Santiago Centro, Área Comercial, promove, xunto co CCA Compostela Monumental, a creación da Federación do Comercio de Santiago, para a defensa do pequeno comercio e a promoción de Santiago como cidade de compras. Trátase dun proxecto longamente madurado que hoxe toma forma co acto formal de presentación da nova entidade. A presidencia, que será rotatoria, recae inicialmente en Santiago Centro.

Santiago Centro e Compostela Monumental convidan a integrarse a todas as asociacións e organizacións vinculadas ao comercio e que compartan os obxectivos da Federación.

A Federación do Comercio de Santiago abre camiño para o traballo conxunto de todas as agrupacións e centros comerciais abertos que na actualidade funcionan na cidade. Esta nova liña de acción levarase a cabo sen que as asociacións que a impulsan perdan a súa identidade nin deixen de facer campañas específicas para cada barrio, atendendo ás singularidades de cada zona.

Sumándose a esta iniciativa, Santiago Centro continúa a liña iniciada para abrirse á integración noutras organizacións que traballan pola mellora das condicións dos pequenos comerciantes e dos profesionais. Hai un mes, a Fundación asinou un convenio no que se suma á Asociación de Traballadores Autónomos ATA Galicia, á que xa pertencen, sen custe adicional, os socios de Santiago Centro.