Chema Fernández, presidente da Fundación Santiago Centro, Área Comercial, recibiu onte á noite o Premio Down Compostela pola súa contribución á integración das persoas con discapacidade intelectual. O presidente de Down Compostela, Juan Martínez, destacou o compromiso de Fernández coa visibilidade deste colectivo, unha tarefa que se plasma tanto no seu labor á fronte de Santiago Centro coma da súa empresa, Jael Joyería.

Down Compostela reuniu no Hostal dos Reis Católicos a unha boa representación da sociedade compostelá. Asistiron á gala o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez bugallo; a conselleira de Sanidade, Fabiola García; e a deputada provincial Mila Castro. Presentaron o evento a xornalista Susana Lopez e a moza con síndrome de Down Pepa Lockhart. Ademáis de Chema Fernández, Down Compostela recoñeceu a contribución da empresa Burger King e da escola de música Play.

No seu discurso de aceptación do premio, Chema Fernández relatou que foi da man de Delmiro Prieto, directivo tamén de Santiago Centro, que coñeceu as dificultades que viven as persoas con discapacidade intelectual: “Con Delmiro compartin moitos proxectos no ámbito do comercio, e foi a través da súa loita diaria como coñecín unha realidade que me era allea. Os verdadeiros merecedores deste premio son Delmiro e todas as persoas que, co seu traballo, fan posibles os cambios reais”.

A Fundación Down Compostela valorou accións como a contratación de persoas con discapacidade intelectual nos eventos que organiza Santiago Centro, ou a fabricación e comercialización, por parte de Jael Joyería, dunha pulsera cuxos beneficios se destinan ao financiamento de proxectos solidarios.