O entroido volve con forza despois destes últimos anos de pandemia e Santiago recupera todas as súas tradicións, sobre todo ao redor do Meco e do desfile do martes de entroido. As rúas do Ensanche compostelán volven ser protagonistas dos festexos.
O domingo 19 haberá animación de rúa dende as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e cos Entroidos de Vilariño de Conso e Santiago de Arriba (Chantada). Pola tarde tomará o relevo a comparsa A Ruliña de Laraño, acompañada pola charanga Europa.
A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo.
Martes, desfile de Entroido
O día grande do Entroido, o martes 21, arrincará co obradoiro de caretas peliqueiras que se celebrará no CSC Maruxa e Coralia de 10.00 a 14.00 horas.
Xa pola tarde, terá lugar o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas e que percorrerá as rúas Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, Senra e avenida de Xoán Carlos I. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20:00 horas terá lugar a presentación do espectáculo Entroidanzas, con Pesdelán, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile.
Mércores, queima do Meco
O mércores 22 de febreiro, Santiago despedirá o Entroido coa Queima do Meco na praza Roxa, despois do seu desfile dende a praza do Toural pola rúa Nova, rúa do Vilar, Senra, Doutor Teixeiro e República do Salvador. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.
Podes descargar aquí o programa completo.
Fonte: Concello de Santiago | santiagodecompotela.gal