Durante últimas semanas do 2018 e a primeira do 2019 as rúas do Ensanche acollerán a tres personaxes clásicos do Nadal. Nas tardes dos días 21, 22 e 24, Papá Noel percorrerá as rúas e os comercios da zona moderna para recoller as peticións dos nenos e nenas que o desexen. O mesmo fará o Paxe dos Reis Magos os días 2, 3 e 4 de xaneiro, facendo parada en diversos establecementos.
A iniciativa parte de Santiago Centro, Área Comercial, que organiza tamén talleres para toda a familia. Os días 21, 27 e 29 de xaneiro haberá obradoiros de construción con Lego, que se levarán acabo ás 18 horas no Centro Cívico do Ensanche co obxecto de que os pais poidan facer as súas compras de Nadal mentres os pequenos realizan unha actividade creativa baixo a supervisión de monitores. As prazas son limitadas, polo que se prega inscribirse no 981 543 001. Os menores de seis anos deben quedar acompañados. Tamén haberá talleres enmarcados en Pasearte, a mostra de arte nos escaparates que se leva a cabo este mes en Santiago Centro. Estes obradoiros realizaranse os días 22, 26 e 28 de decembro, e 2 e 4 de xaneiro, e a súa alta demanda fixo que a admisión estea xa pechada.
No Ensanche segue tamén en marcha a campaña de boletos con premio directo de Santiago Centro, Área Comercial, na que participan case un cento de comercios. Ata o próximo 5 de xaneiro, os establecementos adheridos distribúen máis de 650 premios, achegados polos propios negocios e polas galerías de arte que participan na mostra de arte contemporánea en escaparates Pasearte, nun esforzo para promover a fidelización dos clientes en datas especialmente importantes para o sector.
Os agasallos que se poden atopar nos boletos van desde descontos directos de ata o 50% a produtos de primeira calidade como gafas das máis coñecidas marcas; mochilas; zapatos; pequenos electrodomésticos; prendas de moda; cursos personalizados de inglés; complementos; artigos deportivos; reloxos; almorzos para 2 persoas en establecementos asociados; bonos de vacinación para mascotas; lotes de viño; produtos de alimentación gourmet; e litografías, fotografías, postais ou pequenas pezas artísticas de cerámica valoradas nunha media de 150€ cada unha.
A campaña permanecerá vixente ata o día 5 de xaneiro e o seu funcionamento é moi sinxelo: por cada compra os establecementos entregan aos clientes un boleto que, ao abrirse, indica o premio correspondente, sen sorteos e de forma inmediata. Posteriormente, o premiado debe dirixirse ao establecemento indicado para recoller o regalo correspondente.
Santiago Centro conta nesta iniciativa co apoio do Concello, da Deputación Provincial e da Xunta. Trátase de apoiar ás empresas no desenvolvemento da súa actividade nunha época clave do ano como é o Nadal, reforzando a zona moderna de Compostela como área principal de compras da cidade.