A entidade financeira ofrece consello para conseguir financiamento dos Proxectos Next Generation, ademais de vantaxes melloradas nos seus produtos

O presidente de Santiago Centro, José Mª Fernández; e o director territorial do Banco Sabadell para Galicia, Asturias e León, Pablo Junceda Moreno, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre as dúas entidades que permitirá aos socios do Centro Comercial Aberto acceso a produtos financeiros que a entidade destina a comercios e pequenas empresas. Ademais, o Banco Sabadell apoiará aos establecementos do Ensanche no acceso aos fondos de reestruturación económica Next Generation.

Na sinatura estiveron tamén presentes o director rexional do Sabadell, David Martís, e a responsable de banca comercial en Santiago, Nuria García. Mediante deste acordo, o Banco Sabadell asesorará aos socios de Santiago Centro sobre a mellor forma de optar ás axudas do Fondo Reestruturación Europea, incluído dentro dos chamados Proxectos Next Generation, cos que a Administración europea busca reactivar a economía despois do parón debido á covid‐19 e modernizala desde unha óptica máis sostible. A entidade financeira pon a disposición dos asociados toda a información de que dispón sobre esta iniciativa de impulso comercial.

O Fondo incide especialmente en proxectos como a dixitalización dos negocios, un dos obxectivos esenciais aos que se dedicaron nos últimos tempos os esforzos de Santiago Centro. “Esta é unha gran oportunidade para que o comercio do Ensanche vaia un paso máis alá na transformación que iniciou hai uns anos”, asegurou o presidente do CCA, José Mª Fernández. Ao seu xuízo, a captación destas axudas pode “supoñer o impulso que necesitamos para afianzarnos como a zona de compras máis avanzada de Compostela”. “O comercio local”, dixo, “está sufrindo coma case ningún outro sector os efectos da pandemia, pero tamén está demostrando a clientes e veciños que é o comercio que sempre está aí, ao seu lado, nos momentos máis difíciles. A pandemia demostrounos que os establecementos de proximidade somos capaces de responder nos momentos difíciles dando o mellor de nós, porque nos preocupan o benestar dos clientes e o futuro da cidade”.

Produtos financeiros

O acordo pon a disposición dos socios e dos empregados dos comercios de Santiago Centro diversos produtos do Banco Sabadell en condicións melloradas. Entre as relacionadas coa actividade empresarial, a entidade aboará o 10% da cota aos novos asociados (ata un máximo de 50€). Ademais, ofrece melloras nas súas contas Expansión Negocios Plus e Expansión Negocios PRO, deseñadas para servir a autónomos, comercios e pequenas empresas; e as contas Expansión Plus, PRO e Premium, para profesionais, que anulan as comisións de administración por transferencias ou pagarés, e outorga condicións especiais para os terminais TPV.