Os sábados de primavera serán días especiais para mercar no Ensanche de Compostela. A partir do próximo día 7, Santiago Centro, Área Comercial, ofrecerá actividades infantís que se impartirán no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche, facilitando que os pais poidan deixar aos pequenos atendidos por monitores mentres fan as compras nos establecementos da zona. A programación contempla talleres de arte, incluídos dentro da programación anual da mostra Pasearte, e outros de construcións, e están pensados para nenos ata os 12 anos (os menores de 6 deberán acudir acompañados dun adulto).

Trátase dunha nova acción coa que Santiago Centro pretende dinamizar a actividade comercial no Ensanche, facilitando ás familias a realización das compras mentres deixan aos fillos realizando actividades que fomentan a creatividade. Os talleres son totalmente gratuítos e a entrada libre, e desenvolveranse entre as 17.30 e as 20.30 horas. A organización facilitará o material necesario.

Os talleres de arte levaranse a cabo os sábados 7 e 28 de abril. Están integrados na programación anual da Mostra de Arte en Escaparates Pasearte, e impartiranos artistas composteláns de recoñecido prestixio. O primeiro deles, dirixido polo artista e ilustrador Santi Jiménez, buscará novas formas de pintar a realidade. O segundo corre a cargo da pintora Lúa Gándara e consistirá na creación dun mural colectivo. Canto aos talleres de construcións, terán lugar os días 14 e 21 de abril e 5, 12 e 19 de maio, e neles os rapaces aprenderán a montar xogos de pezas e a imaxinar novos deseños ao seu gusto.