Os Mercados Compostela Art&Eco de artesanía e alimentos ecolóxicos certificados abriron hoxe, no día grande da Ascensión. As dúas mostras (na Carreira do Conde e na Praza Roxa, respectivamente) e as actividades paralelas leváronse a cabo cunha boa afluencia de público.

25 produtores de proximidade, tendas e envasadoras galegas danse cita na Praza Roxa nunha mostra de alimentación ecolóxica composta exclusivamente por produtos certificados. Durante os catro días ofrécese produto fresco de horta, queixos, viños, licores e cervexas, café, doces, conservas vexetais… Ademais de obradoiros familiares, mañá ás 13.30 haberá unha degustación gratuíta de pratos elaborados con produto ecolóxico en colaboración co Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica, CRAEGA.

Mentres, unha exposición de arte e a artesanía galega de autor lévase a cabo na Carreira do Conde. Os 30 expositores, seleccionados por Santiago Centro pola calidade das súas creacións e pola diversidade dos seus produtos, ofrecen complementos, bixutería e xoiaría, artesanía en coiro, escultura e cerámica… Obradoiros, música e unha ludoteca xigante completan a programación.

En paralelo, locais do Ensanche santiagués súmanse durante toda a semana á proposta do Mercado Compostela Art&Eco elaborando e ofrecendo de xeito gratuíto tapas e menús cociñados con produtos ecolóxicos certificados. Os locais involucrados son Café Rosaleda, Cafetería DJ, Cafetería Milay, Cervecería Sole, Galopín Cantina, La Alacena de Cris, La Cavita, Reno Restaurante, Santiago-Kyoto, Tapería Castelao e Tía Vicenta.  Os clientes participarán, ademais, no sorteo de vales de compra nos comercios de Santiago Centro por valor de 150€ cada un.